Inician os traballos de renovación dos pantaláns de Corme
Estes días arrincan as obras de renovación e mellora dos pantaláns do porto de Corme. Os traballos, que teñen dous meses de execución, contan cun investimento de 60.000 euros para a renovación completa do pavimento dos pantaláns empregando material sintético, de maior duración e resistencia ante a acción do mar.
Ademais, as obras inclúen a renovación e pintado dos pilotes, reforzo de revisión das unións dos fingers e módulos e renovación dos flotadores. Finalmente dotaranse de novos elementos para mellorar as condicións de traballo dos profesionais, como as escaleiras abatibles de subida desde o mar ou o sistema de iluminación. Tamén se instalará unha baliza de aluminio e un novo sistema de apertura das portas dos pantaláns a través dunha aplicación móbil.
A Xunta realizará ademais melloras nos pantaláns no Freixo, Pontedeume, Fisterra, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión.