xoves. 22.01.2026
El tiempo

María Solar síntese culpable na Tenda dos Libros de Ponteceso

Maria Solar na Tenda dos Libros de Ponteceso
María Solar síntese culpable na Tenda dos Libros de Ponteceso

O xoves 22, as 19:00 h, o colectivo Ponteceso Cultura Permanente e a Tenda dos Libros de Ponteceso permitirán que nos sintamos culpables coa visita de María Solar, que chegará acompaña de Mercedes Corbillón.

A coñecida autora e xornalista, trae a súa obra "A Culpa", que nos presenta Julia Ures, de PCP:

María Solar é unha escritora que non escribe para tranquilizar. A súa literatura non evita as zonas difíciles da experiencia humana nin procura explicar o que debería sentir quen le. Sitúase noutro lugar: o da observación atenta, o da memoria que insiste, o da palabra que non pasa de largo. Na súa obra hai unha vontade clara de contar sen simplificar, de achegarse á ferida sen convertela en espectáculo. Ao longo da súa traxectoria, María Solar ten demostrado unha especial atención ás voces silenciadas, aos efectos da violencia —visible e invisible— e á maneira en que o pasado continúa actuando no presente. A súa narrativa non busca o impacto gratuíto, senón a comprensión profunda dos procesos que nos conforman como persoas e como sociedade

En "A culpa" esa forma de entender a escrita faise especialmente visible. A culpa non aparece como unha sentenza nin como un castigo moral, senón como algo que se instala, que condiciona vidas sen necesidade de ser nomeado constantemente. É unha presenza que pesa, que se herda, que atravesa o tempo e as relacións.

O interesante desta novela é que non nos coloca nun lugar cómodo. Non nos di quen ten razón nin nos ofrece unha saída clara. O que fai é obrigarnos a mirar, a sostermos a pregunta, a aceptar que hai historias que non se resolven cun xesto final nin cunha explicación tranquilizadora.
Por iso "A culpa" é unha novela necesaria. Porque entende a literatura como un espazo de conciencia, non de alivio. E porque confirma a María Solar como unha autora que escribe desde a honestidade e desde a convicción de que contar ben tamén é unha forma de coidar o que somos.
A culpa aparece cando a conciencia chega tarde.
A culpa é unha habitación sen porta, pero con memoria.
Desde aí escribe María Solar

Comentarios