martes. 11.11.2025
El tiempo

Os mestres dos IES de Baio e Ponteceso fórmanse en Bélxica

Os mestres dos IES de Baio e Ponteceso fórmanse en Bélxica
Os mestres dos IES de Baio e Ponteceso fórmanse en Bélxica

Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e do IES Maximino Romero de Lema de Baio viaxou a Gante e Eeklo (Bélxica) para participar na segunda fase internacional do programa Observa-Acción, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coordinada polo CFR da Coruña e de Pontevedra. Esta experiencia forma parte do plan de internacionalización e mellora das prácticas docentes nos centros galegos de Formación Profesional.

Durante a súa estadía en Bélxica, Clara Regueira, Cristina Vázquez, Fina Paulos e Óscar Rey, en representación dos centros participantes, visitaron o centro de FP Tectura Gent-Centrum, onde tiveron ocasión de coñecer de primeira man o funcionamento dun complexo educativo especializado na formación técnica e profesional. O programa incluíu unha presentación do centro e da rede Tectura, unha visita guiada polas instalacións e a asistencia a sesións prácticas de disciplinas como tecnoloxía, programación, deseño, mecánica e pneumática.

Na xornada seguinte, o grupo desprazouse ata Eeklo para coñecer o funcionamento do GO! Scholengroep Dynamiek, unha ampla rede educativa que agrupa máis de vinte e cinco institucións de educación primaria e secundaria na rexión do Meetjesland, combinando contornas urbanas e rurais

Alí asistiron a clases de inglés, tecnoloxía e informática e participaron nun encontro co equipo directivo, no que se explicou o sistema educativo belga e o modelo de cooperación entre centros e tecido empresarial.

As visitas permitiron coñecer como se prepara o alumnado belga para o mercado laboral a través dunha formación práctica, flexible e estreitamente vinculada coas empresas locais. O profesorado galego destacou a aposta pola innovación, a aprendizaxe baseada en proxectos, o acompañamento individualizado do alumnado e a conexión entre escola e sociedade, aspectos tamén presentes nos seus proxectos educativos en Galicia.

Esta experiencia, valorada como moi positiva e enriquecedora, contribuíu a abrir novas vías de colaboración e intercambio de boas prácticas entre centros galegos e europeos, reforzando o compromiso coa calidade, a inclusión e a innovación na educación.

Comentarios