Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O PonteAventura Raid colocou a Ponteceso no centro do deporte de aventura do país

O PonteAventura Raid colocou a Ponteceso no centro do deporte de aventura do país

Por segundo ano, Ponteceso foi o centro do deporte de aventura en todo o país. O sábado 3 de setembro o concello pontecesán acollía o II PonteAventura Raid, proba valedoira para a VII Liga Galega de Raids de Aventura, e organizada polo Club Bombeiros A Coruña, en colaboración co Concello de Ponteceso.

A proba xa comezou ás 8:00h da mañá coa chegada dos 58 equipos inscritos, procedentes de toda Galicia, ademais dun equipo asturiano (Ribadesella e Infiesto), para descargar o material necesario para esta proba multidisciplinar por equipos e de resistencia na natureza.

A competición tería nesta ocasión uns 80 km de distancia e 2300 metros de desnivel positivo, con 51 puntos de control (balizas) para a categoría elite (3 corredores sempre en carreira) e 45 balizas para os equipos da categoría aventura (2 corredores sempre en carreira e 1 reserva/asistencia). Terían de tempo desde as 10:00h da mañá ata as 20:00h, hora de peche de meta. E nesas 10 horas terían que percorrer 48km en bici de montaña, 23 km de trekking (correr polo monte) e 7 km de piragua.

De pica a pica

Os equipos saíron ás 10 da mañá en bicicleta e en pelotón, logo de recoller o primeiro mapa no que aparecían pintados os puntos polos que terían que pasar (balizas). Pasaron por Tella e O Couto, onde deixaron as súas bicis por un momento (na Fundación Eduardo Pondal), para facer un pequeno trekking polas inmediacións. Unha vez finalizado, volveron coller as súas bicis para "picar" 3 balizas máis antes de chegar a Corme, lugar no que cambiarían de sección.

Na Praza da Ribeira, encheron de novo as súas mochilas de bebida e barritas enerxéticas, posto que lles esperaba un trekking de 13 km polo Val de Corme e arredores, onde algún equipo tivo que mollarse para poder "picar" a baliza que a organación puxera na cota da Illa dá Estrela, posto que a marea aínda estaba un pouco alta. Aínda non acabou aquí a sección, posto que a organización púxolle un mapa na secretaría onde os equipos tiñan que memorizar 3 balizas que estaban situadas por distintas ruelas do pobo de Corme.

Unha vez finalizada a 2ª sección, a maioría dos equipos tomáronse un pequeno tempo para comer algo (5-7 minutos) e descansar un pouquiño, antes de levar a cabo a 3ª sección. Unha btt de 31 km bastante esixente, un rompepiernas que se sumaba xa ao cansazo acumulado e ao vento que comezaba a soprar. Saíron en dirección á aldea abandonada de Candelajo, para pasar tamén pola do Roncudo, Guxín, Brantuas e Niñóns, montes de Asalo, Cores e A Campara, Muíños de Bardaio e Monte Ardal en Tella, para finalizar no punto neurálxico da competición, situado na Praza do Recheo, onde estaban os boxes perfectamente aliñados de cada equipo.

Aínda lles quedaban 11 km de sección, repartidos en 4 km de trekking e 7 de piragua. O primeiro tramo levábaos ao alto de Anllóns, para baixar ata A Garga, lugar onde terían que coller as piraguas e descender polo río abaixo ata Ponteceso, onde estaba situada a meta, non sen antes, "picar" ou coller as 6 balizas que estaban nas inmediacións do río.

Ao peche de meta, todos os equipos chegaran, algúns sen pasar por todos os puntos de control, pero se chegaran a meta antes do peche da mesma.

Clasificación

A clasificación, tanto de elite como de aventura, quedou como segue:

Categoría Elite

EquipoHora chegadaTempo en min
1.- Ártabro Pena Trevinca17:57:49477
2.- Gallaecia Raid (mixto)18:23:03477 *(5% bonificación mixto)
3.- Gallaecia Tarahumanas18:11:59492

Dicir aquí que entre o 1º e o 2º houbo unha diferenza de 10 segundos, posto que o Gallaecia Raid, corría como equipo mixto e tiña unha bonificación dun 5% do total.

Categoría Aventura

EquipoHora chegadaTempo en min
1º - Seo Jogafán (mixto)17:54:59466 *(5% bonificación mixto)
2º - Oryal17:47:50468
3º - Gallaecia-Cotobade18:19:02499

Mellor equipo Mixto: Gallaecia Raid

Entrega de Trofeos

Ao final, a entrega de premios tivo que facerse no pavillón polideportivo municipal de Ponteceso, posto que o tempo púxose malo (ían ser entregado enfronte do Monólito Pondaliano, no seu XXX Aniversario). Os premios foron entregados polo Alcalde de Ponteceso, D. José Luís Fondo Aguiar; a Concelleira de Deportes, Dª. María do Mar Durán; o Xefe de Bombeiros da Coruña, D. Carlos García Touriñán e polo dono da tenda Nortrek, Luís Dequit.
Ao finalizar, houbo obsequios para todos os participantes e sorteo de agasallos, ademais duns petiscos de confraternidade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios