Xoves. 02.05.2024
El tiempo

"O Proxecto das Croas de Niñóns non se podería levar a cabo sen os veciños"

"O Proxecto das Croas de Niñóns non se podería levar a cabo sen os veciños"
Equipo de vecinos e voluntarios do proxecto Croas de Ninons-Foto-Soledad Felloza

Levamos tempo dicindo que a a Costa da morte está sendo pioneira nesto da arqueoloxía social. Proba delo son proxectos como Castro de Mallou ou a Torre dos Mouros. que se desenvolveron en Carnota. O relevo foi collido por Ponteceso, que se sumerxiu en recuperar as Croas de Niñóns.

E continúan os traballos que promove, sobre todo a Asociación Cultural Nosa Señora do Faro e o ánimo de Gabriel Varela Pose. Se ás veces doe ver que as administracións non se involucran en temas de patrimonio, tamén é impresionante ver como é a propia cidadanía a que toma a iniciativa.

Foron así os veciños os que, coa colaboración do Concello, contactaron co arqueólogo Xurxo Ayán, un deses científicos que quere achegar á ciencia ao pobo, e non alonxala. Xa estivo en Carnota ao pé do cañón, e agora, antes de marchar cara Etiopía a outro novo proxecto arqueolóxico, pasou por Ponteceso.

Xurxo Ayan explicando aos vecinos as primeiras conclusions do proxecto

O propio Ayán fala con Galicia Confidencial sobre a riqueza do xacemento das Croas de Niñóns, "un dos proxectos que nos permiten comprender a historia de Galicia do século XX >e as diferentes estratexias que se foron sucedendo por parte do campesiñado no seu trato co Estado", sinala. "Son fórmulas de resistencia o movemento agrarista, a fuxida de mozos a Uruguai para safar do servizo militar, a itinerancia dos canteiros ou o contrabando de tabaco e licores dende a postguerra até a década de 1980, por poñermos exemplos".

  • GC: Que ten Niñóns de especial con respecto a outros castros da zona?

A min recórdame moito a dous castros que tamén estaban invisibilizados e afectados pola cantería tradicional como son o Monte do Castro (Besomaño, Ribadumia, Pontevedra) e Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). Proxectos a medio prazo permitiron coñecer estes dous castros que a priori non son nada do outro mundo, pero que na súa aparente normalidade son magníficos exemplos dos poboados fortificados que existiron no prelitoral galaico. Este é o caso das Croas de Niñóns, que modeliza perfeitamente un patrón de poboamento do que forman parte castros parellos como Mallou (Carnota), Castrelo (Laxe), Borneiro (Cabana de Bergantiños), Nostián (A Coruña) ou Pantín (Cedeira).

O castro das Croas de Niñóns é un perfeito exemplo de castro da 2ª Idade do Ferro (ss. IV-I a. C.) polo seu emprazamento e a súa arquitectura defensiva monumental. Pero ten algo máis especial. É o epicentro de toda unha cartografía simbólica na que podemos reconstruir a relixiosidade na paisaxe, dende o santuario rupestre do Petón das Campaíñas en Corme, pasando polo monacato altomedieval (Niñóns, Cores, Nemeño) até chegar ás escenografías relixiosas da contrarreforma e do everxetismo indiano do século XX. Finalmente as Croas de Niñóns é un caso especial na Costa da Morte porque conta cunha asociación, cuns veciños que queren poñer en valor o castro, algo que non acontece noutros lares.

En todo caso, as sorpresas chegarán cando se leven a cabo escavacións arqueolóxicas nas Croas e dean á luz todo o mundo alí soterrado. Para comezar, o castro ten moi boa pinta, que non é pouco.


  • GC: É un proxecto con continuidade?

Mentres os políticos deste país se encargan de que o futuro estea en ruínas, eu son dos que pensa que o futuro tamén está nas ruínas, e coma min tamén son desta opinión outras xentes. Para comezar temos a ilusión, a angueira e a visión de futuro de Gabriel Varela Pose e da Asociación Cultural A Nosa Señora do Faro. Eles queren recuperar dunha vez por todas o castro das Croas. Doutra volta temos ao concello de Ponteceso que está procurando nestes meses orzamento para levar a cabo unha segunda fase na recuperación do castro que implicaría xa intervencións arqueolóxicas de meirande calado. En todo caso, isto depende do bo ou mal facer dos políticos, como vos dicía ao comezo.


  • GC: Entón seguiredes actuando no futuro?

Pola nosa parte técnica, demostramos o valor arqueolóxico e patrimonial do sitio arqueolóxico e estamos convencidos da potencialidade dun proxecto a medio prazo que acade unha dimensión comarcal. Tal e como o vexo, sería factible encetar un proxecto internacional de Arqueoloxía da paisaxe do litoral de Ponteceso que abrangase diferentes xacementos de distintas épocas. Así e todo, haberá que agardar a 2014 para concretar máis estes planos de investigación.

A importancia dos veciños

Xurxo Ayan cun vecino voluntario nas Croas de Ninons-Foto-Elvira
  • GC: Outra das cuestións importantes foi o contacto coa xente. Que se sacas en claro desa reciprocidade?

Este proxecto non se podería ter feito sen a implicación total da Asociación Cultural Nosa Señora do Faro e o ánimo de Gabriel Varela Pose. O labor de dinamización previo desenvolto pola comunidade local permitiu organizar a campaña de traballo tendo en conta unha serie de eventos que facilitaban a interacción do equipo de traballo cos veciños coñecedores do castro.

O primeiro destes actos foi a Semana Cultural de Brántuas-Niñóns (31 de agosto-6 de setembro de 2013) que abrangueu unha sentida homenaxe aos canteiros da zona tomando como fío conductor a publicación dun libro sobre o tema. Nesta celebración impartimos unha conferencia na casa dos veciños co gallo de presentar o proxecto arqueolóxico e solicitar a colaboración de todos os habitantes de Brántuas, Niñóns e Os Anxos. Nese ambiente festivo puidemos contar xa con valiosa información sobre a canteiría tradicional, a masiva emigración a Uruguai e a ubicación de diferentes sitios arqueolóxicos da contorna, como Santa Mariña, O Fuso da Moura, Os Casais, etc…

A segunda celebración importante foi a Romaría da Nosa Señora do Faro o 8 de setembro de 2013. Esta festa é un referente no calendario festivo para as comunidades da zona xa que se desenvolve no espazo esencial dentro da cartografía simbólica que conforma a paisaxe cultural desta zona da terra de Bergantiños. O traballo de enquisa etnográfica realizado nesta xornada foi fundamental para tentar achegarnos ao imaxinario colectivo e abordar unha arqueoloxía dos espazos sagrados dende a Protohistoria até a modernidade.

A participación activa nestes eventos facilitou o deseño de actividades abertas ao público en xeral e nas que contásemos coa integración da propia comunidade local. Desta volta, as xornadas de limpeza con voluntariado do 14 e 30 de setembro fixeron todo un efecto chamada para a visita ao castro de veciños e veciñas, algún dos cales mesmo fixeron de guías na visitas introdutorias organizadas pola empresa Cool-Touring. Un total de 40 persoas procedentes de toda Galicia participaron nesta actividade, que contou co seguimento dos medios de comunicación locais. Asemade, os voluntarios e voluntarias levaron auténticas reportaxes fotográficas que se puxeron a disposición da cidadanía nas redes sociais.

A segunda xornada de voluntariado (30 de setembro) contou coa colaboración da actriz Soledad Felloza que ofreceu aos participantes un contacontos con algún relatos extraídos da tradición oral da zona e recolleitos por Gabriel Varela Pose. Este evento rematou cunha conferencia final na Casa dos Veciños en Brántuas, onde se comentaron os resultados provisionais dos traballos de control arqueolóxico e se agradeceu a colaboración dos veciños e voluntarios na execución dos traballos. Sen eles, cómpre sinalar, que non se poderían ter acadado os obxectivos mínimos marcados no proxecto de actuación.

A recuperación da memoria

  • GC: Que ten de bo este tipo de proxectos de arqueoloxía social?

Arqueoloxía social é un conceito redundante co que se tenta definir unha prática que noutros sitios é definida como Arqueoloxía Pública, Arqueoloxía en Comunidade ou Arqueoloxía integradora. Moitas veces do que se está a falar é de achegar, difundir e divulgar o coñecemento arqueolóxico, o cal está ben. Hai empresas e entidades en Galicia que o fan moi ben, eu mesmo teño feito este tipo de actividades polo país adiante. Pero alomenos no meu caso, creo que a chave non está só en ensinar, implicar, amosar. Como ves sempre son accións promovidas polo que sabe cara ao outro ao que se quere convencer de algo. Pola contra, a min interésanme os proxectos que integren ás comunidades como entes activos, conscientes dos seus intereses e dos seus anceios. Esta Arqueoloxía en comunidade é un prática científica e, polo tanto política. Proxectos como o de Niñóns ou os que levamos a cabo no marco de intervencións da guerra civil española son a base da que parto para unha análise infrapolítica dos patrimonios subalternos. Arqueoloxía, comunidades e resistencia son tres eixos sobre os que modelar modelos de xestión do patrimonio dende a base que saquen as cores aos políticos que depredan o territorio e gobernan o país.

Proxectos como o de Niñóns permiten comprender a historia de Galicia do século XX e as diferentes estratexias que se foron sucedendo por parte do campesiñado no seu trato co Estado. Son fórmulas de resistencia o movemento agrarista, a fuxida de mozos a Uruguai para safar do servizo militar, a itinerancia dos canteiros ou o contrabando de tabaco e licores dende a postguerra até a década de 1980, por poñermos exemplos. O proxecto de Niñóns tamén non ensina a creba brutal que supuxo 1936, o troco nos modelos seguidos polo everxetismo indiano e a sucesión de diferentes ideais de progreso e modernidade. Esta etnoarqueoloxía permite, pola súa vez, diagnosticar a destrución sistemática do patrimonio nas últimas décadas pero tamén comprobar que existe un asociacionismo de base que tenta revertir esa situación e comeza a xerar novos procesos de patrimonialización. Neste contexto, o castro das Croas de Niñóns é a metáfora e toda esta tendencia. De ser un castro doente, esnaquizado polos canteiros que concebían aquilo como monte, pasou a ser en tempo récord un referente identitario tanto para os habitantes de Niñóns, Brántuas e Os Anxos como para os emigrantes que residen en Montevideo.


  • GC: E que pensas dos que últimamente están criticando este modelo da arqueoloxía social porque danan, din, á profesión?

O enfoque teórico-metodolóxico aplicado neste proxecto de Arqueoloxía en Comunidade foi presentado nunha ponencia no Iº Congreso Internacional de Socialización del Patrimonio en Áreas Rurales celebrado en Cáceres entre o 18 e o 21 de setembro de 2013 e organizado por Underground Arqueología en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España. Xúrovos que alí, onde había xentes de moitos países, xamais escoitei unha crítica como as que dis que se fan por estes lares.

Sexamos serios. Esta arqueoloxía é a única arqueoloxía que se pode facer se atendemos aos códigos éticos (que tamén existen aparte dos convenios) que marcan a profesión dende comezos dos anos 1990, e que moitos semellan descoñecer. Esta arqueoloxía faise en toda Europa, porque se esixe que se faga. Ir contra isto é como ir contra a lei da gravidade. Mentres en Galicia hai xente que vai contra esta arqueoloxía integradora, en Europa levánse a cabo proxectos arqueolóxicos con enfermos de Alzheimer, con xente sen fogar, con vítimas da represión totalitaria, as obras públicas ábrense a escolares e cidadáns, etc… O voluntariado non se toca.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios