![V-de-Valares-2016]()
O festival V de Valarés reuniu o ano pasado máis de 3.000 persoas no areal pontecesán
O festival
V de Valarés e o
FIOT - Festival Internacional Outono de Teatro - de Carballo serán dúas das citas da Costa da Morte que reciban para a próxima edición unha axuda outorgada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que destina este ano máis de 135.000 euros a festivais de artes escénicas e de música.
Así, en 2017 cofinanciará un total de 20 festivais (11 de música e nove de artes escénicas). En concreto, na provincia da Coruña a Xunta participa no Wos Festival en Santiago, Festival da Luz en Boimorto e no V de Valarés en Ponteceso, sumando unha achega de máis de 56.000 euros no apartado de festivais musicais. En canto ás artes escénicas, Galicreques en Santiago, a Mostra de Teatro de Cariño e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo suman preto de 79.000 euros.
V de Valarés celebrará a súa undécima edición os próximos 18 e 19 de agosto na praia de Balarés, en Ponteceso. Entre os principais atractivos están Los Planetas y Love of Lesbian.
A orde pola que se rexen estas axudas establece que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan. A Xunta considera este tipo festivais como parte dun sector cultural estratéxico para Galicia e para o impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Xunta de Galicia