Os Regueifeiros de Bergantiños cántanlle a Rosalía cun Premio


Os Regueifeiros de Bergantiños son os gañadores da IV edición do Rosalía de Castro, o premio de promoción da lingua e a cultura galega que convoca cada ano a Deputación. Os membros do xurado decidiron distinguir aos catro regueifeiros de Cabana “pola súa contribución á supervivencia dunha tradición cultural e lingüística milenaria”.
O tribunal tamén salientou a necesidade de que o arte da regueifa se dignifique “como merece” e se fomente entre as novas xeracións a través da escola. Ademais do que representa o premio en si, a boa nova para os Antonio de Xornes, Guillerme da Rabadeira, Suso de Xornes, e Fermén de Feiranova, é que este é o primeiro ano no que a distinción conleva unha dotación económica de 4.500 euros para os gañadores.
Cómpre destacar que os Regueifeiros de Bergantiños son os responsables de escenificar as regueifas, desafíos dialécticos improvisados en verso, con ritmo e rima, que foron moi populares na comarca de Bergantiños durante os anos 50.
Esta “loita verbal” colle o nome da regueifa, o bolo de pan ofrecido nas vodas ás que acudían a cantar sen ser invitados e que batíanse en duelo cantado para decidir quen repartía o regalo.
Aínda que nun principio as regueifas trataban temas de liortas persoais entre os retados, actualmente este tipo de manifestación trata temas de actualidade, mantendo a forma do relato: catro versos de oito sílabas con rima no segundo e o cuarto.
A candidatura dos Regueifeiros de Bergantiños para optar ao premio Rosalía de Castro foi presentada pola Asociación O.R.A.L. de Galicia.

Novas relacionadas
- A regueifa revive en Xornes, berce da canteira retranqueira bergantiñá.
- Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo.
- Os pequenos vimianceses xa riman a golpe de regueifa.
- Xosé Manuel Varela e Fermín Calvo espallan a regueifa bergantiñá por Chantada.
- Música e literatura mesturáronse na polafía de Cabana.
- A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Dicoruna.