Óscar Rey Calo e Fina Paulos levan a súa experiencia na Intelixencia Artificial ao MACCMO

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, con sede en Corme, acollerá o vindeiro xoves 1 de agosto ás 19:30 da tarde esta conferencia dirixida por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, que está organizada pola Asociación Cultural Ínsua de Viastela, dentro do programa do III Ciclo de Cine documental Xose Manuel Ferreiro Chans.
A conferencia, dirixida a público xeral, fará un repaso por distintas ferramentas de IA xerativa que teñen impacto na vida doméstica, audiovisual e no día a día das persoas. Os protagonistas levan aplicando esta tecnoloxía para proxectos educativos, conseguindo numerosos premios para o IES de Baio.
Así mesmo amosarán como está o panorama actual no mundo da creación de cine e música usando ia xerativa de vídeo e son e tamén amosarán outros exemplos claros de como está a impactar a IA no mundo da medicina, cultura, economía e educación.
Analizaranse ferramentas de xeración de imaxes como Microsoft Designer ou Adobe Firefly que están causando un gran impacto no mundo do deseño gráfico.
Trátase de amosar nunha sesión de 45 minutos, como se está implantando a intelixencia artificial na vida das persoas, amosando as oportunidades e os desafíos que presenta á sociedade actual.