Paula Pombo: “A forza coa que rompe o mar no Roncudo fai que o noso percebe sexa o rei”
O rei do marisco xa ten a súa festa preparada. Este ano a Festa do Percebe do Roncudo será o sábado 7 de xullo, e se por Pamplona correrán os touros, por Corme correrán os percebes.
Queremos falar con Paula Pombo, Presidenta da AAVV Eduardo Pondal de Corme, entidade que xunto co Clube de Xubilados forman a Asociación para a Promoción do Percebe do Roncudo.
- QPC: Este ano, ata o cartel vai en clave monárquica. Por que o percebe é o rei dos mariscos? E por que o percebe do Roncudo é o rei dos percebes?
Para min, é o mellor, dende logo. O percebe pasa por ser o rei dos mariscos por varias cousas: polo difícil que é de collelo, polo sabor que tén e porque non o hai en moitas partes.
Sobre o do Roncudo, disque é polo mar bravo, pola forza coa que rompe o mar aquí na zona, que fai que se críe o percebe doutra maneira.
Aquí o percebe máis rico é o da Pedra, no mesmo Cabo Roncudo. Pero tamén haino moi bo na Insua (na illa que hai aló enfronte) e tamén en toda a zona, dende o faro ata case preto do peirao.
- QPC: 20 anos de festa son moitos anos? Lembras os inicios?
Eu aínda era nova, estaba en plena xuventude e só lembro pasala disfrutando da festa. Antes era moi diferente, antes viñan autobuses cargados de xente de toda Galicia, cousa que non se ve. De feito, a festa cambiou un pouco, agora hai moito máis xuventude, xa non hai aquelas excursións pero estes últimos anos a xuventude está respondendo de primeira.
- QPC: E a día de hoxe, a vila segue vivindo do Percebe? Cantos perceibeiros e percebeiras traballan hoxe na vila?
Pois a día de hoxe debe haber arredor de 60 carnés de percebeiro. É dicir, unhas 60 familias viven do percebe, que para unha vila como Corme de apenas 1.000 habitantes, é moito.
- QPC: E canto representa a festa de hoxe no montante total anual? Faise tanto traballo para este día que para o nadal, por exemplo?
Traballar, trabállase máis para o Nadal. Son máis de 15 días traballando, e hai moita venta que vai para fóra. Pero a festa é algo que inflúe moitísimo, dende logo.
- QPC: E o furtivismo, está máis controlado que nos últimos anos?
Si, a verdade é que está máis tranquilo. Houbo catro queixas nos últimas semanas, porque sempre hai algún que vai, pero algo residual, que debe ser moi frouxa porque non se oe. I é que aquí os veciños xa fan de vixiantes e se a xente non fala é que non hai problema. Se alguén vai, a xente ponse a falar que se viron un coche, que si viron unha luz... e iso é o mellor vixitante.
Ultimamente está bastante tranquilo a verdade.
- QPC: O ano pasado foron 1.000 quilos de percebes os que se venderon? Cantos quilos fanse facer este ano?
Pois outros tantos imos coller.
- QPC: E cantas cociñeiras se necesitan para cocer todos eses quilos? Daquela, o 7 de xullo, canta xente estará traballando arredor da Festa?
Pois este ano temos 35 persoas para traballar en total, entre cociñeiros, persoas vendendo tickets, camareiros... Para cociñar a verdade non sei cantos farán falta, dúas persoas pelando patacas e 3 ou 4 cocendo nesas potas xigantes.
- QPC: Canta xente move a festa do Percebe? Canta xente estivo en Corme o ano pasado?
É imposible sabelo exactamente, pero o que si podo dicir que o ano pasado estaba petado, non se movía unha agulla. E este ano, contamos co mesmo ou máis, por suposto.
- QPC: Canta xente forma a comisión?
Pois estamos traballando na Festa unha serie de xente da AAVV Eduardo Pondal de Corme e do clube de Jubilados. Entre estamos Javier Álvarez, Nuria Rodríguez, Wenceslao Mosqueira, Juan Gómez, Rosa Rodríguez, Joaquín Pose, Inosencio Mosqueira e Adán Manuel Costa, e máis eu.
- QPC: E xa en clave de Festa, xa temos programa?
Pois si, xa temos perfilada o día para ese 7 de xullo. Comezaron ás 12:00 coa misa na honra dos percebeiros/as falecidos/as na Igrexa nosa señora dos Remedios de Corme. Unha misa que estará cantada pola Coral Brisas do Mar.
A partires das 12.30h xa se poderá comezar a comprar os tickets para percebe, pulpo e empanada. E dende ás 13.00h xa amenizarán o xantar os pasarrúas da Charanga Os Kilomberos de Monte Alto e o Grupo de Gaitas Donaire da Coruña.
Este ano o pregoeiro será o Bergantiñán do ano 2011, Ramón Pombo Castro, que fará lectura do pregón ás 13:30h na praza da Ribeira. De aí ás mesas.
E tamén teremos música, con djs dende ás 14:00h e ata que o corpo aguante, na praza. Serán ademais da casa: "Eventos On", con Adrián Varela e Miguel Cousillas poñendo boa música.
Máis información
Novas relacionadas
- 2012: O rei do marisco xa ten a súa festa preparada.
- Festa 2011: Corme esgotou cos 1.000 quilos de percebes do Roncudo.
- Festa 2010: A Festa do Percebe non nota a crise.
- Festa do Percebe do Roncudo 2009: 6.000 persoas disfrutaron do mellor Percebe do Roncudo.
- Festa do Percebe do Roncudo 2008: A Festa do Percebe do Roncudo volveu ser un referente en todo o país.
Máis novas
- Percebeir@s a ritmo do mar.
- Unha homenaxe, en vídeo, á figura de percebeiro.
- Unha nova documental pechará a triloxía sobre o mar de Laxe.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).