Venres. 29.03.2024
El tiempo

Pondal tamén celebra o San Xoan, e por partida triple

Pondal tamén celebra o San Xoan, e por partida triple

A Fundación Eduardo Pondal programou para este sábado 23 de xuño unha tripleta de actividades coas que dinamizar a Casa do Cura na tarde de cachelas.

A primeira proposta será a organización da Cova Céltica titulada “Lembranzas de Malpica” na que se conversará sobre unha trintena de artigos xornalísticos do escritor Xosé González Reyes, residente en Ribadavia (Ourense) e que viviu a súa infancia nesta vila mariñeira da Costa da Morte.

A mesa de conversa, moderada por Xosé Manuel Varela, estará composta por Xoán González Otero, infógrafo de La Voz de Galicia e fillo do escritor, Xosé Ameixeiras, delegado comarcal de La Voz de Galicia, xornal no que Xosé González publicou estes textos na sección “Terra e Xente”, Xelucho Abella e Adrián Abella, excelentes coñecedores da Historia de Malpica de Bergantiños, Xurxo Alfeirán Chouciño, compilador dun arquivo fotográfico de Malpica de Bergantiños, José Barizo (Castelao), patrón de barco gran coñecedor do pasado mariñeiro da vila malpicá.

Esta proposta de recuperación cultural iniciarase ás 5 da tarde e será gravada en vídeo por Sofía Araceli González Fondo. Esta Cova Céltica completarase cunha exposición con parte dos textos recuperados que datan dos anos 80 do século pasado e que describen a viña mariñeira de Malpica dos tempos da ditadura de Primo de Rivera e da República.

Pinacoteca pondaliana

A segunda proposta será a doazón dun cadro por parte do pintor carballés Miguel Anxo Calvo que pasará a formar parte da pinacoteca da Fundación Eduardo Pondal. Nestes momentos, a Fundación tamén posúe cadros da pintora coruñesa Ana de la Torre.

Non des a esquecemento

A última actividade, coordinada por Luís Giadás dentro da sección “Non des a esquecemento” (que xa vimos o ano pasado), será unha proposta lúdica e pedagóxica de recolleita de herbas de San Xoán. Para iso contarase con persoas maiores do lugar do Couto que coñecen estas herbáceas. A proposta completarase co recitado dun texto pondaliano sobre o San Xoán e un monólogo teatral a cargo de Araceli González.

Máis información festeira e cultural

Novas relacionadas

Comentarios