Pondal vibraría se ollase o programa cultural de outono que prepara a AVV Monte Branco

19:38 29/09/10

“Creatividade pondaliana”
En “Creatividade pondaliana” ofértanse obradoiros de música tradicional, de danza contemporánea, de teatro e representacións teatrais para público escolar do concello, desde os máis cativos da Escola Infantil A Galiña Azul ata o alumnado de Primaria de Ponteceso e Corme. Os obradoiros de música e danza estarán impartidos por profesionais do Centro Coreográfico Galego e os de teatro por actores profesionais de Caramuxo Teatro. Este grupo representará tamén tres obras: «Zapatos», «Historia dunha semente» e «Mensaxe sen botella».“Aula viaxeira pondaliana”
Na “Aula viaxeira pondaliana” o historiador Luís Giadás aproveitará os espazos e topónimos de Corme e Ponteceso que aparecen na obra pondaliana para convertelos en recursos educativos ó aire libre. A esta aula fóra do centro acudirá alumnado dos CEIPs As Forcadas de Corme e Eduardo Pondal de Ponteceso.“Encontros pondalianos
Nos “Encontros pondalianos” estableceranse sesións de aprendizaxe de prestixiosos conferenciantes sobre Pondal ou sobre temas pondalianos con alumnado de Bacharelato e Secundaria. Estes encontros teñen a particularidade de se celebraren fóra de horario lectivo o cal será moi meritorio a presenza do alumnado ós mesmos durante o seu tempo libre. A listaxe de relatores é de vertixe: Manuel Ferreiro (o maior especialista na figura de Eduardo Pondal), Xesús Ferro Ruibal (creador e presentador do programa Ben falado da TVG), Sechu Sende (especialista en sociolingüística), Anxo Angueira (unha das voces máis orixinais sobre o mundo poético de Rosalía de Castro) e Darío Xohán Cabana (académico da RAG, un dos poetas máis importantes da lírica galega contemporánea e colaborador diario de La Voz de Galicia nas páxinas de pasatempos cos encrucillados en lingua galega).“XIV Simposio Pondaliano”
O “XIV Simposio Pondaliano”, tras varios anos de ausencia, retoma o seu fío de celebracións despois de trece edicións que, no pasado, foron o punto de arranque para que a Fundación Eduardo Pondal fose hoxe unha realidade. Os patróns da Fundación opinamos que sen o labor dos anteriores Simposios Pondalianos a Fundación hoxe non existiría. O Simposio continúa a liña formativa para profesorado da Costa da Morte que viña realizando no pasado. Nestes momentos hai unhas 20 persoas inscritas e infórmase que o prazo continúa aberto ata o día inaugural. O Simposio desenvólvese diariamente en dúas sesións. Unha primeira, de carácter máis formativo, na que participan todos os relatores que sinalamos nos “Encontros pondalianos” e que comeza ás seis da tarde. Unha segunda, de carácter máis lúdico, na que se presentarán propostas de normalización, audiovisuais, recitais cívicos, musicais e libros sobre a comarca. Nesta segunda xeira intervirán Alba Calvo, Alba Costa, Silvia Losada, Xosé Manuel Varela, Antonio Reigosa, Omar Rabuñal, Luís Giadás e Fantoches Baj.“Libros pondalianos”
O apartado “Libros pondalianos” consistirá nunha mostra de libros en lingua galega cedidos pola librería A Tenda dos Libros. Nela terán presenza importante a bibliografía pondaliana.“Cestería Viva”
E no apartado “Cestería Viva” exhibirase a exposición de cestería que leva como título “Do Courel ó Monte Branco” montada pola mestra cesteira Lola Tourón e na que se pode observar as distintas modalidades de traballo e uso de materiais no mundo da cestería.Programa Completo

Máis información
Novas relacionadas
- Monte Branco inicia as clases da súa escola de danza e música tradicional.
- Monte Branco fixo balance da Escola de Verán.
- Personalidades do país poñen de novo ao Couto como epicentro cultural.
Fonte
- Nota de prensa da A.VV: Monte Branco.