Ponteceso lanza tamén a campaña contra a velutina
O Concello de Ponteceso inicia tamñen a campaña de trampeo primaveral de raiñas da vespa velutina, xa que esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
A captura de raiñas faise dende marzo ata remates de maio, coincidente coa fase de construción e actividade do niño primario.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello iniciou a colocación de trampas en puntos estratéxicos das catorce parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas públicas.
Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña polo que pon a súa disposición trampas e líquido atraínte. Estes dispositivos poderán solicitarse cubrindo este formulario e serán entregados o vindeiro día 8 de marzo de 2024 ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información os responsables do Concello que van a realizar o seguimento para coñecer os puntos nos que exista unha maior presenza de velutinas. Antes de proceder a entrega do material terá lugar unha charla informativa sobre a vespa velutina.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de vespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación.