martes. 10.12.2024
El tiempo

Arrinca a campaña de trampeo de raíñas de velutina

trampa velutina cabana
Imaxe das trampas do ano pasado de Cabana
Arrinca a campaña de trampeo de raíñas de velutina

Algúns dos poucos concellos da comarca que toman medidas a nivel público contra a invasión da avespa velutina xa están en marcha coa nova campaña de trampeo. Dumbría, Cabana ou A Laracha xa están a convocar á veciñanza para iniciar a campaña, pois é o momento de capturar raíñas e evitar que fagan os seus perigosos niños e formen novas colonias..

En Dumbría

En Dumbría convocan á veciñanza para unha xuntanza este venres 1 de marzo, ás 19:00h no Centro Social de Dumbría, fronte ao Concello, para informar do inicio desta campaña e para repartir trampas entre todos aqueles veciños e veciñas que as soliciten.

Na Laracha

O Concello da Laracha xa ten en marcha a campaña anual de trampeo de avespa velutina. Unha empresa especializada no control de pragas colocou un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública.

Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña. A partir do martes da semana que vén calquera veciño empadroado no termo municipal da Laracha poderá solicitar de balde no Concello atraínte co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información á empresa que vai realizar o seguimento para coñecer os puntos do concello nos que existe unha maior presenza de velutinas.

En Cabana

Pola súa parte, o Concello de Cabana de Bergantiños desenvolverá desde o vindeiro martes, día 20 de febreiro, e ata o 20 de maio a súa campaña municipal de loita contra a vespa velutina. Coa finalidade de capturar as raíñas desta especie, repartirán un total de 100 trampas co seu respectivo líquido atraínte, que este ano será distribuído en bolsas.
Para poder solicitar ditos dispositivos a veciñanza deberá realizar unha solicitude ben a través da páxina web do concello ou mediante as oficinas xerais.
Unha vez que a campaña dea remate as trampas deberán ser devoltas no concello, e será obrigatorio notificar cunha periodicidade de 15 días do número de raíñas capturadas.

Plugiber será a empresa responsable da colocación dos dispositivos en diferentes enclaves públicos da localidade, entre os que se inclúen; parques; o paseo marítimo; ou a contorna de parques e centros de ensino, entre outros. Todas estas trampas estarán xeolocalizadas a través dunha aplicación móbil.

112

Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación.

Novas da campaña 2023

 

Comentarios