Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Ponteceso perde a capitalidade das noites de copas

Ponteceso perde a capitalidade das noites de copas
Dende hai moitos anos Ponteceso vén sendo centro de lecer nocturno para mozos e mozas na fin de semana. Pero semella que nos últimos tempos a cousa non está a ser así, e de feito, unha ollada ás rúas da vila de Pondal nas noites da fin de semana nos deixa claro que algo está pasando. A festa marchou para Santa Comba. Hai xa varios meses que a presenza de grupos de xente nas rúas e nos locais de Ponteceso para desfrutar dunha noite de festa convertiuse nun elemento simbólico, algo ao que os hostaleiros non están acostumados. O dano é importante no concello pontecesán, xa que a noite e a festa convertiuse nunha das principais fontes de ingresos. Agora, con esta ausencia, os hostaleiros procuran unha solución a través da unión. Non están moi claros os motivos polos cales comezou a mermar o número de mozos e mozas que van de copas a Ponteceso, aínda que podemos lembrar algún incidente na noite que precisou que a Garda Civil comezara a facer acto de presenza nas rúas do núcleo urbán. A principal beneficiada desta crise en Ponteceso é Santa Comba, que acolle cada vez a máis e máis mocidade da Costa á hora de saír de festa. Hai quen apunta que a causa da marcha da xente a Santa Comba podería deberse a problemas de seguridade, aínda que dende o Concello, rexeitan esta hipótese alegando que “en todas as zonas de copas xurden problemas”. De todos os xeitos, non son todas malas novas, xa que tamén hai quen atopou nesta soidade das rúas o silencio necesario para durmir. Son xa varios pubs os que pecharon as súas portas por mor da crise e desta ausencia de xente nas citas nocturnas. Hostaleiros e Concello chegaron a un acordo para tratar de impulsar as actividades, que agaran dean os seus primeiros froitos contra a fin do verán.

Novas relacionadas

Fonte

  • Extra Voz.

Comentarios