PP e os edís non adscritos presentan a súa proposta para o POS directamente na Deputación
O PP e os edís non adscritos de Ponteceso solicitan reunirse co titular da Deputación para salvar o POS
Novo paso no esperpento municipal do Concello de Ponteceso para salvar o investimento de 750.000€ do Plan Único da Deputación. Desta volta, tralo circo plenario no que se volveu a rexeitar a proposta non consensuada do alcalde, é o PP e os edís non adscrito os que veñen de sumar forzas e presentar un POS alternativo directamente na Deputación da Coruña. O POS que podería obter maioría, cos 5 votos dos ex socialistas, máis os 3 votos populares.
“O presidente da Deputación dixo que hai tempo para aprobar o plan de obras e servizos. Agora xa ten a proposta da corporación e non hai escusas que valgan”, asegurou o portavoz popular Daniel García Cotelo, intentando salvar a desfeita municipal e lembrando ”todo avance para Ponteceso pasa pola dimisión do seu alcalde”.
O POS presentado, aseguran, ”é algo máis que o que pretendía o alcalde en minoría, que só plantexou un POS para gasto corrente ou, o que é o mesmo, para ter cartos en caixa e pagar favores”.