Novo pleno convocado en Ponteceso arredor do POS. Un Pleno no que só se podía volver a votar a proposta da alcaldía xa rexeitada no seu día, para intentar salvar a achega de 750.000€ da Deputación, e evitar que Ponteceso sexa o único Concello da provincia sen Plan Único.
Pero o circo plenario continua. Unha nova hora e vinte de pleno inútil, que só serviu para seguir reiterando a falta consenso, e a falta de interese por parte dos grupos por chegar a acordos.
A proposta da alcaldía volveu saír rexeitada abstención, tralos votos en contra dos dous edís do PP (aínda non tomou o seu posto como nova edila do PP Ana Vecino trala dimisión de Beatriz Martínez) e os 5 non adscritos. Os votos a favor dos 3 edís do PSOE e as abstencións de APIN foron inútiles.
O PP asegura que ten “unha proposta, consensuada cos 5 edís non adscritos e enviada ao PP, valorada”, pero que ten a premisa da dimisión do alcalde. “Non presentou a súa dimisión, que era condición imprescindible para pedir un pleno extraordinario, así que non a presentaremos”, sinala Daniel García Cotelo. Cotelo criticou a actividade do "Señor Ferreiro", en alusión a un asesor da alcaldía.
A pesar da súa abstención, o voceiro de APIN criticou a falta de peticións de subvencións, e deixou patente a súa falta de confianza no alcalde, pedindo tamén a súa dimisión.
Pola súa parte os ex edís socialistas reiteraron que nunca recibiron unha chamada para consensuar o POS e tamén pediron que o alcalde dea o paso a un lado.
Agora, a pelota está no tellado da Deputación. A pasada semana o presidente provincial, Valentín González Formoso achegábase á vila pontecesá para pulsar a situación, e o comité xurídico do ente provincial terá que analizar se acepta unha prórroga, unha decisión que podería crear precedente.