A Praia da Ermida non pasa a nota da Directiva Europea para o Medio Mariño
- “O obxectivo marcado polos expertos da Comisión Europea, hoxe por hoxe, neste areal, é unha utopía”.
Non para a activa e comprometida Asociación Mar de Fábula de trasladar a concienciación ambiental arredor dos nosos mares pola comarca. Desta volta, acodiron con 34 alumnos/as de 3º da ESO do instituto de Ponteceso á praia da Ermida, para facer unha limpeza de plásticos e unha avaliación ambiental do seu estado de saúde.
Nunha mañá espléndida de ceo aberto e vento en calma, os estudantes cubriron os 250 metros de lonxitude do areal, apañando todo o lixo plástico patente á vista, sen remexer na area nen no argazo. O proxecto, apoiado polo GALP, pretende reflexionar sobre a Directiva de Estratexia Marco para o Medio Mariño, que considera que unha praia do litoral europeo non pode acumular máis de 20 items (residuos) cun tamaño igual ou superior a 2,5 cm. cada 100 metros de lonxitude de praia.
No caso da praia pontecesá, a rapaza recolleu en apenas unha hora 829 residuos (152 anacos de plástico ríxido, 533 anacos de cordas; 51 bolsas e aparellos; 31 tapóns de plástico; 5 gomas, 14 anacos textís; 8 de madeira; 3 máscaras covid; 11 bastonciños das orellas, 18 cabichas…). Uns residuos que nun 70% proceden do sector da pesca.
Dan un total de 332 residuos por cada 100 metros de praia, polo que “o obxectivo marcado polos expertos da Comisión Europea, hoxe por hoxe, neste areal, é unha utopía”. Unha realidade perfectamente extensible ao resto de praias da comarca, como vén comprobando a entidade nas numerosas limpezas que fai.