O IES Ramón Caamaño de Muxía abriu o libro de texto que é a praia de Camelle
Nova xornada de limpeza de lixo plástico e concienciación ambiental que realizou Mar de Fábula cos centros de ensino da Costa da Morte. Este mércores, 23 alumnos/as de 1º e 3º da ESO do instituto Ramón Caamaño de Muxía, acompañados por dous profesores, visitaban o centro de operacións da comprometida entidade en Camelle para relizar actividades ambientais.
No marco de colaboración especial que temos establecido co CEIDA, institución de referencia en Galicia en tarefas de educación ambiental, e coa colaboración da Deputación, primeiro achegáronse á ampla praia de Camelle, “ese gran libro de texto que nos fala da contaminación do mar e da súa mala saúde crónica”, como explica Xosé Manuel Barros.
Durante unha hora e cuarto e con toda dedicación, os estudantes apañaron o lixo mariño, mesturado cos argazos todo ao longo dos 300 metros de lonxitude da praia. O vento feble do nordés, visitante asiduo destos días, complicou a tarefa ao momento de envorcar as bolsas na lona e facer a clasificación do lixo por fraccións.
Recolleron centos de anacos de plásctico lixeiros, 8 latas, 7 botellas de plástico, 3 bricks, 4 cartóns grandes, 182 anacos de cordas e cordeis, 11 anacos de redes de pesca, 4 prendas de roupa, 1 gomas, 17 pedazos de madeira, 20 cabichas, 7 embases… case 300 residuos que, despois de analizar, un 66,55% procede da pesca.
Xa no local de Mar de Fábula, Jorge, o técnico ambiental do CEIDA impartiu aos estudantes unha ilustrativa charla sobre a problemática dos macro e microplásticos no medio mariño e as necesarias medidas de reducción do seu uso e da súa correcta xestión por cada un de nós. Logo dunha lixeira explicación ao alumnado e profesores sobre a obra exposta no local de Mar de Fábula, os rapaces pasaron a xogar e imaxinar pulpos, arañas e vermes cos refugallos de lixo plástico, limpo e preparado, que temos á súa disposición no local.
Novas Relacionadas
- Mar de Fábula crea en Camelle, xunto con WE Sustainability, "a Casa no Alto", un Centro de Interpretación de arte do Mar
- Mar de Fábula limpa a natureza con escolares e voluntari@s.