Luns. 27.01.2020
El tiempo

Os Ratos de Lonxedetodo visitarán a Biblioteca Municipal de Ponteceso o último venres de cada mes ata fin de curso

Os Ratos de Lonxedetodo visitarán a Biblioteca Municipal de Ponteceso o último venres de cada mes ata fin de curso

Nos vindeiros meses a Biblioteca Municipal de Ponteceso encherase de historias incribles, contos fabulosos e uns visitantes moi queridos polo público miúdo: os ratos de Lonxedetodo. Estes peculiares e simpáticos personaxes serán os/as protagonistas do novo programa de animación á lectura que vai poñer en marcha de xaneiro a maio á Área de Biblioteca, que dirixe Maite Chouciño, para nenos/as de 3 a 8 anos de idade.

A compañía de teatro Trinke Trinke acudirá o último venres de cada mes á biblioteca para amosar ao máis pequenos da casa e ás súas familias algunhas das historias máis fermosas que se agochan tras os libros coa intención de promover o hábito da lectura entre a cativada e o fomento de valores tan importantes como o respecto, a solidariedade ou a tolerancia, entre outros, ademais de contribuír á dinamización deste espazo como punto de encontro social e cultural.

As sesións de contacontos arrincarán o 31 deste mes con “Riciños de ouro”, unha divertidísima historia que nos achegará a ratiña Carolina, que nos contará o amables e respectuosos que son os habitantes de Lonxedetodo,  aos que tamén lles gustan as festas, sobre todo cando hai música, baile e a posibilidade de atopar.... un globo máxico!

Programación

O 28 de febreiro será a quenda da ratiña Faifá e “Queremos a paz!” mentres que o 27 de marzo os ratos de Lonxedetodo celebrarán o Día Internacional do Teatro coa representación de “Os 7 chiviños e o lobo” e a lectura dun conto da escritora galega Gloria Sánchez, no que poderán participar pequenos/as e maiores. E o 24 de abril coñeceremos un pouco mellor a súa aldea  a través do conto “Animais do bosque”, no que nos relatarán  a “Gran carreira dos animais”, que celebran por todo o alto unha vez ao ano. A última en visitarnos será a queridísima Lilí Gruyére, que estará e Ponteceso o 29 de maio para contarnos as aventuras e desventuras de “O coelliño branco", a quen adoptou como mascota e xunto ao que protagonizará un incrible espectáculo de maxia en directo.

A entrada aos espectáculos, que darán comezo ás 18.30 horas, será libre e de balde ata completar aforo.

Cartel Ratos de lonxetodo

Comentarios