Xoves. 28.10.2021
El tiempo

A Tenda dos Libros: "Un dos nosos lemas é que vendemos libros recomendados por persoas, non por algoritmos"

Maria propietaria da Tenda dos Libros de Ponteceso
María é a propietaria da Tenda dos Libros de Ponteceso
A Tenda dos Libros: "Un dos nosos lemas é que vendemos libros recomendados por persoas, non por algoritmos"

Hoxe achegámonos a unha das librarías máis coñecidas de Ponteceso “A Tenda dos Libros”. Ubicada, dende hai 11 anos, no número 2 da Avenida Anllóns, próximamente lanzará a súa propia tenda online. Impulsada e rexentada por María e Pepe, achegámonos a este espazo onde literatura e ilusión converxen.

 
  • Ana GR: Cando e como nace A Tenda dos Libros? Por que decidíchedes establecela en Ponteceso?

A Tenda dos Libros nace no ano 2010 pero era un proxecto que levabamos moito tempo madurando. Foi una etapa de moitos cambios xa que vivíamos e traballábamos en Compostela e decidimos regresar e vivir na Costa da Morte. Decidimos establecer a libraría en Ponteceso porque na vila había un ambiente cultural que propiciaba a acollida dun espazo coma o noso.

 
  • Ana GR: Que vos fixo apostar por unha libraría? De onde vén a vosa paixón polos libros?

Tanto á miña parella coma a min apaixóannos os libros e a lectura, dende sempre. Encántanos as librarías, nas nosas viaxes sempre visitamos establecementos e soñabamos con ter un espazo propio. Era un soño compartido.

 
  • Ana GR: Cal diriades que era o xénero literario que máis se vendía ao principio? E agora?

O mundo editorial, coma case todo, está moi influido polas modas. Ao principio, cando comezamos esta andaina vendíase moita novela histórica; agora o xénero que máis se vende é a novela negra ou policíaca.

 
  • Ana GR: Venta de libros en galego. Cal diriades que é a presenza de libros en galego nas estanterías dos máis pequenos? E dos adultos?

As estanterías de infantil están cheas de títulos en galego. En Galicia temos unas das editoras máis potentes a nivel nacional e incluso internacional (Kalandraka, OQO), pero ultimamente editoras que editaban en castelán álbum ilustrado ou libro infantil están dando o paso a editar tamén en galego, por exemplo Algar, Flamboyant, Cuatro Tuercas... Isto fai que no referente aos libros infantís en galego exista moita oferta e una enorme calidade.
No caso da literatura para adultos non existe tanta oferta nin tanta demanda. Case non hai oferta de bestsellers en galego, ao contrario do que sucede por exemplo en catalán.

 
  • Ana GR: Que pensades que é o que máis valora a vosa clientela da Tenda dos Libros?

Creo que o que máis valoran é que é una libraría accesíbel. Queríamos que fose un espazo no que poder tocar, ollar os libros con calma, non só chegar, mercar e pagar.

 
  • Ana GR: Como diriades que foi a evolución da librería no tocante ás redes sociais?

Sempre estivemos presentes nas redes sociais pois consideramos que son una ferramenta fundamental para achegarlle o noso proxecto á xente.
Dende fai uns anos fundamentalmente recomendamos libros en concreto, novidades pero tamén libros que nos gustaron. A xulgar polos seguidores e likes está tendo una boa acollida.
En paralelo á libraría A Tenda dos Libros temos outro proxecto, PlanB Editora, una editora independente dende  centrada fundamentalmente en editar a autoras e autores que teñan algún tipo de relación coa Costa da Morte,pero non estamos pechados a editar calquera tipo de obra en calquera lingua.

 
  • Ana GR: Como definiriades os valores que imperan na vosa librería?

Trátase dun espazo aberto no que compartir a paixón polos libros. Valoramos dunha forma moi positiva a recomendación personalizada, a charla coa clientela para saber os seus gustos e as súas expectativas á hora de mercar un título. Un dos nosos lemas é o de que vendemos libros recomendados por persoas, non por algoritmos.

 Actos na Tenda dos LIbros de Ponteceso
Bótanse de menos os eventos na Tenda dos LIbros
  • Ana GR: Pronto ides lanzar a vosa propia tenda online de venta de libros, que vos animou a dar o paso?

O proxecto da tenda online sempre estivo aí. É certo que a situación de confinamento do ano pasado foi a que nos deu o empurrón final.
Tamén a xente da nosa zona que vive lonxe e quere seguir mercando libros a comercios locais. Actualmente chaman por teléfono ou envían mensaxes para encargar, coa web todo vai ser máis sinxelo.

 
  • Ana GR: É unha opción para a continuidade da libraría o relevo xeneracional?

Ufff… De momento nin nolo plantexamos. Temos un cativo de 10 anos e una nena de 6. Eles din que lles encantaría ser libreiros coma mamá, pero de momento o do relevo xeneracional quédanos bastante lonxe.

 
  • Ana GR: 4 Recomendacións literarias para peques e adultos:

Para adultos recomendamos:
-
Como a roda no muíño, de Suso Lista;
-
Flores de ferro, de María Rey Vilas;
- Un señor elegante, de Suso de Toro;
- Xela Arias, os territorios da liberdade, de Mª Xesús Nogueira.

Para os peques:
-
Grazas, o último libro ilustrado de Rocio Bonilla.
-
Liberdade, solidariedade e amor pola lingua; Pequena biografía de Xela Arias, de Enrique Mauricio Iglesias. Un libro xenial para achegarlles a figura de Xela Arias aos máis cativos.
-
Nadarín de Leo Lionni.
-
Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas.

Outras Novas sobre Libros

comentarios