venres. 15.11.2024
El tiempo

Unha xornada cultural polas mazás de Bergantiños

Unha xornada cultural polas mazás de Bergantiños

Se as mazás de Bamiro debería ter unha Denominación de Orixe, as de Bergantiños terán que ser degustadas en verso. I é que a vindeira proposta da Asociación Cultural Monte Branco e a Fundación Cultural Monte Branco é unha Xornada das Maceiras, que terá lugar este sábado 26 de novembro.

Unha mañá para nenos

Nela ofértanse as actividades para todo tipo de público. En horario de mañá, de 11 a 1 e media, as propostas diríxense a público infantil na compaña de pais e nais. En horario de tarde, a partir das 4, céntranse en público adulto e interesado nos distintos aproveitamentos das maceiras e das mazás.

Desde as 11 da mañá, os distintos espazos da Fundación Eduardo Pondal converteranse en lugares onde a literatura e os obradoiros inspirados en mazás servirán para que os nenos e nenas da redonda pasen unha mañá de sábado o máis divertida posible. Abrirán a xornada matutina os debuxantes de La Voz de Galicia "Pinto e Chinto" coa presentación lúdica do libro A maceira que daba calquera cousa menos mazás para a que se contará coa colaboración da Editorial Everest. A seguir, Beatriz Fernández Cortizas e Sofía Araceli González Fondo impartirán obradoiros con mazás. A xornada lúdica pecharase co chantadino, Anxo Moure, quen narrará as historias de Paquilinda, A Trasna Maceira.

Pola tarde, de 16.00 a 19.00 h, as distintas intervencións estarán dirixidas ó público adulto que desexe saber dos múltiples aproveitamentos dun produto tan noso como é a mazá e a súa árbore.

Cociña con Xoán Mato

Na lareira da Fundación, o cociñeiro local Xoán Xesús Mato realizará unha “Sesión ininterrompida de cociña e repostería con mazás”. Os pratos preparados nesta sesión serán degustados ó final da xornada. Entrementres, no salón de actos da Fundación desenvolverase unha sesión técnica sobre mazás e maceiras. A apertura correrá a cargo de Luís Antonio Giadás Álvarez coa intervención “Importancia histórica da produción da mazá. O cultivo das mazás nas terras de Almerezo”.

A seguir, celebrarase unha mesa redonda titulada “Recuperando a froita do país”. Nela, moderada por Luís Antonio Giadás Álvarez, participarán distintos técnicos. A orde de intervención será a seguinte: José Souto Pérez (enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural) falará de “A mazá de sidra”; José Antonio Meijide Fernández (enxeñeiro técnico e profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, da Consellería de Medio Rural) realizará un breve repaso sobre a “Historia da froiticultura en Galicia”; Eladio Novoa (enólogo) conversará sobre “A tranformación da mazá de sidra”e, por último, Ramiro Martínez Picos (compoñente da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume AGFA) disertará sobre “A experiencia dunha recuperación de froiteiras autóctonas levada ó ámbito escolar”.

Antes de degustar os pratos de Xoán Xesús, o sumillier pontecesán Francisco Pérez Cotelo ofrecerá na lareira da Fundación unha “Demostración de cata de sidra”. Nela, os catadores poderán degustar desde marcas comerciais ata outras de elaboración artesá.

Esta actividade está organizada pola Asociación Cultural Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal co patrocinio da Consellería de Medio Rural e a colaboración do Concello de Ponteceso e da Editorial Everest.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Asociación Eduardo Pondal.

Comentarios