Martes. 19.03.2024
El tiempo

Un veciño de Corme denuncia a “persecución” do Concello pola propiedade dunhas fincas

 Un veciño de Corme pechou, con leña, unha pista ocupada na súa propiedade
Ángel da Baneira pechou un camiño con leña para protestar contra a ocupación dos seus terreos por parte da empresa eólica
Un veciño de Corme denuncia a “persecución” do Concello pola propiedade dunhas fincas

Leva meses metido nunha voráxine complicada. Xa en novembro prantara cara aos eólicos, e ao concello, tapiando un camiño con leña. Facíao despois de meses pedindo que a empresa eólica deixase de ocupar a cabeza da súa finca.

Esa situación colocouno no punto de mira dun Concello de Ponteceso que está apoiar rotundamente á empresa do parque. Agora, Angel Suárez Baneira denuncia “unha terrible persecución por parte do Concello pontecesán”.

A historia vén dende máis lonxe. Hai dous anos que o Concello lle abriu un expediente para recuperar un suposto camiño público que atravesaba as súas leiras en Agra dos Condes. Segundo o afectado, o Concello aproveitou un erro no Plan Xeral de Ordenación Municipal para “inventar un camiño público inexistente” nas súas leiras, e iniciaron un expediente para recuperalo. De nada serviu que varios concelleiros e a maioría dos veciños da zona, se puxesen do seu lado, e declarasen que non existía ningún camiño público sobre as súas leiras.

O Concello levou o 28 de xaneiro de 2.019 ao Pleno Municipal, o acordo para recuperar o inexistente camiño, saíndo adiante a proposta da Alcaldía, por tan só un voto de diferenza. O afectado recorreu, e o novo acordo tivo un resultado aínda máis apretado no pleno do 2 de abril: produciuse un empate a votos, saíndo adiante a proposta de declarar a existencia dun camiño público, gracias unicamente ao voto de calidade do Alcalde de Ponteceso.

Denuncia Baneira que o Concello o acusou de pechar o camiño cun muro de pedra, seis meses antes, cando todos os veciños de Corme saben que a pechadura (un muro de pedra e un portalón) leva máis de 20 anos levantado.

No xulgado

Actualmente estase tramitando un procedemento xudicial, coa esperanza de que a Xustiza lle de finalmente a razón.

Pero a “persecución continúa”, denuncia, e estes meses leva recibindo multas por un valor de 3.000€ por negarse a demoler a pechadura, malia que aínda se está tramitando o procedemento contra os acordos do Pleno Municipal. De feito, este luns 20 de xaneiro pode ser un día movido, pois o Concello fixou esta data para demoler o muro e o portalón sen agardar á resolución xudicial. Os veciños acodirán con cacerolas para apoiar ao afectado.

Ante esta situación é cando Angel Suárez Baneira dirixiuse a varias asociacións de veciños para pedir axuda, ante o que considera unha gran inxustiza. Son moitos os veciños que se puxeron en contacto estes días con el para mostrarlle o seu apoio e manifestarse ante o que todos os veciños da zona consideran un atropelo. Pero Angel Suárez non se dá por vencido. Nos próximos días demandará tamén civilmente ao Concello de Ponteceso, para que lle recoñeza a propiedade das súas leiras.

Novas relacionadas

Comentarios