Xallas e Bergantiños, protagonista das novas xornadas gastronómicas Saudade da Deputación

Coa intención de fortalecer a identidade gastronómica da provincia da Coruña e fomentar a súa promoción en todo o Estado a Deputación presentaba onte o proxecto ‘Saudade’. A praza de Abastos compostelá acollía un acto comandado polo vicepresidente Xosé Regueira que contou coa participaron os chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras Carmela Cano, de Queixo Galmesán e Graciela Castro, de Chichalovers, que fomarán parte da programación deste evento.
Serán 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín uns dos protagonistas deste proxecto que se desenvolverá os próximos días 14 e 15 de xullo en diferentes puntos da provincia (Santa Comba, Santiago, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco), e contará coa participación dun selecto grupo de reputados e reputadas chefs de todo o Estado, que suman máis de 20 estrelas Michelín, e que viaxarán á provincia da Coruña para explorar, descubrir e mergullarse nos recursos gastronómicos e os produtos autóctonos que fan único o territorio.
Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla, varios con 2 e 3 estrelas Michelin, son os grandes nomes que participarán no evento, e aos que acompañarán xornalistas e prescritores e prescritoras de prestixio do ámbito gastronómico.
“Temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio” sinalou Regueira que deixóu claro que o obxectivo é “Poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia. E celebrar que seguimos sendo un territorio con identidade, auténtico e gastronómico grazas ao noso sector agroalimentario”.
Os chefs e produtoras asistentes agradeceron o traballo da Deputación da Coruña. Manolo Costiña puxo en valor o traballo dos produtores “que temos que mimar e coidar, e preocuparnos de que Galicia sexa a despensa en produtos de alta calidade”. Neste sentido, sinalou que no seu caso “o que máis lle sorprende á xente que nos visita é a materia prima que temos ao redor”. Pola súa banda, Graciela Castro, da medio xalleira Chichalovers, destacou que é “unha forma marabillosa de darlle visibilidade a proxectos como o noso. É moi importante poñer en valor territorio e cultura, seguir traballando polo noso e amosalo ao mundo, e que se vexa o traballo o que hai detrás e todo o que se pode facer volvendo a terra”.
Xornada en Coristanco
Trala primeira xornada que se realizará o luns 14 na Barbanza adicada ao mar, a segunda xornada, adicada á terra, será en Bergantiños o día 15, dedicada á terra, terá lugar en Coristanco; e as actividades previstas poñerán en valor os produtos do campo, dando a coñecer tamén os procesos de cultivo sostible e o seu papel na gastronomía contemporánea. Así, o programa inclúe un encontro con produtores locais da provincia, profesionais do sector e chefs para compartir e intercambiar opinións e experiencias. Haberá unha primeira mesa de debate, ás 12.00 horas, sobre ‘Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria’, na que participarán o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo.
A continuación, ás 12.30 horas, celebrarase unha segunda mesa de debate ao redor do tema ‘Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional’, na que participarán os chefs Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex. A xornada finalizará cunha comida tradicional.
Entre as empresas participantes figuran A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.