Venres. 26.04.2024
El tiempo

Concello e Asociacións preguntan sobre as posibles catas mineiras “ilegais” do “proxecto Corcel” en Castriz

Mapa do Proxecto Corcel de Eurobattery Minerals en Santa Comba
Mapa do Proxecto Corcel de Eurobattery Minerals en Santa Comba
Concello e Asociacións preguntan sobre as posibles catas mineiras “ilegais” do “proxecto Corcel” en Castriz

Leva anos o Concello de Santa Comba intentando amosar unha imaxe máis amable da minaría. Aí está o seu proxecto de crear un museo en Varilongo, lugar que ademais se ten convertido en escenario de película. De aí que o Concello enviase un escrito á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que lle ofreza información oficial sobre as sondaxes de Litio, Cobre e Cobalto que a compañía mineira sueca Eurobattery Minerals realiza nas zonas de Castriz, Monte Maior e Monte Castelo. Unha advertencia que vén de facer tamén a asociación ambiental Petón do Lobo.

Mentres as minas de wolframio volveron á actividade dende hai un ano, con total transparencia, tras a ampliación de capital de Galicia Tin & Tungsten, S.L, a través da multinacional australiana Rafaela Resources, estas sondaxes de Eurobatterys non fan outra cousas que empañar a imaxe desta industria. Unha industria, moitas veces envolta nunha áurea de escurantismo, que tamén leva sufrindo o territorio xalleiro, pois son moitos os anos nos que van caendo estes “globos sonda” sobre posibles achádegos de importantes fontes minerais, pero que acaban quedando en palabras baleiras para inflar os valores bursálites de empresas multinacionais, para buscar novos inversores ou en simples trampas para recibir subvencións.

Dende o Concello recoñecen que se teñen posto a investigar o asunto tralas queixas dos veciños, que denuncian falta de información (incumprindo o Convenio de Aarhus e a lei de acceso á información pública en materia ambiental) sobre un proxecto que pode cambiar a súa calidade de vida, por iso piden ao Servizo Provincial de Enerxía e Minas da provincia da Coruña, 2se dea traslado ao Concello de Santa Comba de toda a información que posúa respecto deste asunto: se hai ou on proxecto, se hai permiso autonómico, ou que trámites administrativos ou accións xudiciais podería utilizar o Concello no caso de que as prospeccións que está a levar a cabo a mercantil.

Así, o alcalde xalleiro David Barbeira afirma que “de non ter coñecemento fidedigno das accións
desta empresa pediranse as responsabilidades oportunas”. “Os veciños e veciñas de Santa Comba e de Castriz en particular poden estar tranquilos no que respecta as actuacións que se leven a cabo dende a alcaldía, no senso que sempre se actuará na defensa dos intereses veciñais, velando polo concello no seu conxunto e esixindo a legalidade e responsabilidade de calquera actuación mineira”, asegura.

Concello e Asociación coinciden en que o chamado “Proxecto Corcel” (como anuncia a propia empresa no seu web) debe ser considerado ilegal por varias razóns. Primeiramente por non ter pedido permiso municipal para realizar as catas. Segundo porque na zona só hai permiso para investigar sobre o wolfram, e non sobre a presenza doutros metais como Litio, Cobre e Cobalto. Ademais lembran a falla de exposición pública do proxecto dos permisos de investigación mineiros (catas e sondaxes) así como do proxecto de restauración dos permisos de investigación.

Segundo Petón do Lobo, “Carmen é o nome do dereito mineiro sobre o que Eurobattery Minerals realiza as prospeccións mineiras na parroquia de Castriz”. Un dereito mineiro asinado nos anos 40, “caducado dende hai anos pola falta de actividade”, a pesar de que a Xunta non o teña recoñecido así oficialmente.
Falamos de de “máis de 2.500 hectáreas de superficie en Santa Comba e Coristanco, abrangue núcleos habitados como o de Castriz, San Salvador, Vilartide, Vilardante de Arriba, Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto, Castro, Choupana, Codeseira...etc, masas de auga, fontes, mananciais, granxas e terras da concentración parcelaria de gran aptitude agrícola”.

Novas sobre a minaría

Comentarios