Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O dreamteam do Cole Nosa Sra. Inmaculada contra Anicet Lavodrama e a súa cuadrilla

Foto do DreamTeam do Cole Nsa Sr Inmaculada Santa Comba
Foto do DreamTeam do Cole Nosa Señora Inmaculada de Santa Comba co profe Santi Casal
O dreamteam do Cole Nosa Sra. Inmaculada contra Anicet Lavodrama e a súa cuadrilla

A que se está cocendo no Colexio Nª Señora Inmaculada de Santa Comba. Ao mesmo Anicet Lavodrama trémenlle as pernas pensando na visita que ten xa perfilada cunha completa cuadrilla de grandes nomes do baloncesto dos anos 80 e 90. Pepe Casal, Ricardo Aldrei, Miguel Juane, Manolito Aller… serán algúns dos que visiten en maio o colexio xalleiro, para armar uns históricos 5 para 5 coa rapazada local.

Todo parte da segunda unidade didáctica, a de Baloncesto, do alumnado 4º, 5º e 6º de Primaria, e das historias arredor dun vello aro que lles conta o mestre de Educación Física, Santi Casal, entre adestramento e adestramento. Un aro rescatado da súa casa de aldea nas Somozas, e que agora serve para que os seus fillos lancen as primeiras canastas.

Porque no da Inmaculada si que hai canastas, non como no Pavillón de Fontenla, onde a rapazada só pode practicar fútbol sala ou balonmán, pero non volei ou basket porque non hai rede nin canastas…

Arredor dese vello aro soldado por un metaleiro de Batán, Casal comparte as historias do baloncesto dos anos 90, cando era un basket máis cercano gracias ás retransmisións en aberto con Trecet en La2 ou Ovidio González na TVG. Un baloncesto con só 3 estranxeiros por equipo, algo que sorprende, e moito, aos poucos dos seus alumn@s que si teñen a sorte de ver algún partido perdido da ACB (nomeadamente cando cae algún Madrid-Barca na televisión dos pais). “Eu son do Real Madrid e gustoume Rudi Fernández e Tabares, pero tamén Pau Gasol”, cóntanos un dos rapaces.
A día de hoxe apenas conseguen ver un partido a día de hoxe do Obradoiro nin do Basket Coruña.

”Flipan un pouco coas historias pero están encantados, e ata involucraron ás familias para que lles conten historias do basket daqueles tempos”, conta un ilusionadísimo Casal. “Chíflalles escoitar estas historias”, conta.

A pesar de ser adestrador de fútbol base (conseguiu numerosos éxitos no Xallas ou no Negreira en categorías cadete, xuvenil…) a paixón polo basket levoulle tamén a descubrir algún talento, como de Pablo Pena Quintáns. “Con 5 anos xa botaba o balón dun xeito incrible, pero no tiña moito sitio onde adestrar. Cando tiña 8, chamei a Pepe Casal e levouno só con velo para Santiago, e agora titular nos Xuvenís de Galega do Obradoiro”.

Anicet chora que chora

A historia de Lavodrama vén de lonxe, daqueles tempos cando o OAR Ferrol competía por todo. Un dos que non faltaba nunca á cita no pavillón da Malata era Santi Casal. De feito, na cama de Casal lucíu durante 20 anos un póster de Lavodrama machacando ante Juan Antonio Orenga e John Pinone. E da súa cama, ao seu cole.

Non o pensou dúas veces. Casal e púxose a mobilizar o que fixera falta para traer á estrela a unha festa no seu cole. “Imos facer unha festa do basket espectacular, porque para o voso profe vai ser como que viñese Jordan”, relata ilusionadísimo.

Envioulle unha serie de audios por whastapp dos seus alumn@s que fixeron chorar ao xigante da República Africana, afincado agora en Málaga. “Regalazo espectacular y emotivo de los alumnos de 4°, 5° y 6° del colegio Nuestra Señora Inmaculada de Santa Comba junto con el crack de su #profesor Santi Casal”, sinalaba Anicet nas redes sociais. “O meu propio ídolo chorando de emoción, un home superculto que fala 5 idiomas, e chorando”, relata nervioso Santi Casal.

Agora, esperan que esta visita sirva ademais para conseguir unhas canastas para o pavillón de Fontenla, e que esta rapaza poida ter aí outra saída preto da casa, como a que non tivo Pablo. Un lugar onde poidan meter triples, ou colocar tapóns, como a cantidade que sufríu Casal na casa da aldea dos seus curmáns maiores, “máis que Lavodrama en toda a súa carreira”.

Comentarios