Reclaman a restitución da nutricionista que atendía aos concellos de Santa Comba, A Baña e Mazaricos

Diante do Centro de Saúde de Negreira concentráronse na tarde deste xoves veciños e veciñas dos concellos afectados e representantes políticos do BNG para esixir á Consellaría de Sanidade a restitución da nutricionista que consultaba nos centros de saúde de Negreira e Santa Comba e atendía tamén a pacientes de Mazaricos e A Baña.
"A Xunta decide, unha vez máis, recortar en atención primaria, neste caso, eliminando ás nutricionistas que están moi ben valoradas tanto entre as pacientes como no resto dos profesionais", lamenta a médica e deputada do BNG, Iria Carreira, para quen esta medida demostra que "o PP non aposta por equipos multidisciplinares por moito que o diga en notas de prensa e decide seguir deteriorando a sanidade pública".
De 95 a 45 nutricionistas na sanidade pública galega
Coa eliminación da profesional pacientes de Santa Comba terán que ser atendidas en Noia, as de Mazaricos en Muros e as de Negreira e A Baña no centro das Fontiñas de Santiago. "A fenda territorial é enorme e a distancia que teñen que percorrer moi grande por iso esiximos a inmediata restitución desta profesional", engade Iria Carreira.
O grupo nacionalista está a reclamar tamén no Parlamento a restitución e ampliación do cadro de nutricionistas que se reduciron no actual recorte da Xunta de 95 a 45 en todo o país. Para o BNG estas profesionais son claves para instaurar hábitos saudábeis e aumentar a calidade de vida da poboación.