Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Santa Comba pon o foco en Pepe de Xan Baña no 150 aniversario do seu nacemento

Pepe San Bana SAnta Comba azucarillo
Os establecimentos de Santa Comba contan con sobres de zucre cos versos de Pepe Xan Baña
Santa Comba pon o foco en Pepe de Xan Baña no 150 aniversario do seu nacemento

150 anos cumpliría José Baña Pose este pasado 4 de xaneiro. Unha data que o Concello de Santa Comba non quere pasar por alto, xa que o coñecido como Pepe Xan Baña é un dis fillos ilustres das terras do Xallas. Así están a preparar cun completísimo abano de actividades que poñan en valor ó autor que foi dependente de adega, seminarista, propietario dun restaurante, poeta, xornalista, comerciante, mestre… pero sobre todo un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba.

maría pose, en el centro, con critina fajín y manuel iglesias
A concelleira de Cultura, Cristina Fajín, a alcaldesa María Pose, e o edil de Educación, Manuel Iglesias

O primeiro é adicarlle ao autor nado en Varilongo o mes das Letras. E unha das accións é a repartición de sobres de zucre polos establecimentos con distintos versos do poeta para que se entreguen coas consumicións que se precisen. O obxectivo é dar a coñecer como este escritor homenaxeaba coas súas rimas á súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia.

Tamén haberá un acto central no colexio que leva o seu nome no que non faltarán a música e os xogos tradicionais.

Ademais, tamén se impulsará un concurso de debuxo nas escolas, destinado a alumnos de Infantil e Primaria, coa figura do poeta como eixo central e que repartirá lotes de libros e material escolar como premios tanto ós rapaces como ós centros educativos.

Para afondar máis na figura de Pepe de Xan Baña estase a elaborar un roteiro no que figuran os lugares máis emblemáticos da súa vida, máis os que menciona na súa obra.

E a maiores organizaranse visitas teatralizadas para que este polifacético escritor permaneza vivo na memoria dos veciños de Santa Comba.

Un pouco de historia

A importancia de Pepe de Xan Baña vai moito máis alá da súa obra. A súa amplia formación chegoulle da man do Seminario no que ingresou tres anos despois de pisar Cuba, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou ó xornalismo. Foi a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, traballando con el no diario La Tierra Gallega que fundou o autor de Celanova na Habana e son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas. Na prensa adoitaba botar man do pseudónimo de Pepe de Xan Baña, alcume que tamén empregaría nos seus traballos literarios.

A maiores, a súa actividade foi importante tanto no Centro Gallego de La Habana como na entidade Hijos de Santa Comba de Negreira, da que foi fundador e ocupou o cargo de secretario na primeira directiva.

En lingua galega publicou Cartas ós de Santa Comba de Negreira (1911), Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en 30 anos en Cuba. Vindicación (1921) e Suspiros n´a terriña, despois de trinta e dous anos d´a Habana (1922). Foi no ano 1921 cando cruzou de novo o charco para visitar a súa Santa Comba natal. Aproveitou a súa estadía para impartir dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba, que serían publicadas nun folleto á súa volta á illa caribeña completándose a súa obra con artigos en distintos xornais e revistas. E non deixou pasar o seu labor altruista aportando vinte mil pesetas da época para investir no cemiterio da súa parroquia.

Faleceu na Habana o 16 de outubro de 1945, cando contaba con 73 anos, sendo soterrado no panteón do Centro Gallego da Habana.

Comentarios