Martes. 19.03.2024
El tiempo

A Casa da Cultura vai ao xulgado

A Casa da Cultura vai ao xulgado

Se algo lle faltaba á historia da Casa da Cultura xa está cuberta. Os xulgados xa están polo medio tras a denuncia da empresa adxudicataria propiedade do irmán do alcalde, que reclama o pago das obras realizadas, como se viña agardando.

Para defender os intereses do concello, o PSOE presentou a Roibás Vázquez, avogado ao mesmo tempo de dita empresa, e que xa fora apartado das accións do concello en asuntos relacionados coa Casa da Cultura no 2006. O BNG prefería un servizo xurídico externo,para evitar posibles "amaños", pero a abstención do PP correu en favor do PSOE.

A Casa segue sen estar rematada, e as últimas obras de infraestrutura escénica foron concedidas a outra empresa diferente. Case dous anos de retraso e máis de medio millón de euros de sobrepresuposto.

Nota de prensa do BNG de Vimianzo

No día de onte celebrouse unha xuntanza da Comisión Informativa de Réxime Interior para tratar os asuntos derivados do recurso xudicial contra o Concello de Vimianzo presentado pola empresa Manuel Rodríguez Lema, SL, propiedade do irmán do Alcalde, e adxudicataria da obra da Casa de Cultura.

O asunto de fondo é a reclamación de pago por obra feita fóra de contrato, e que en sucesivos plenos foi abordado. Na xuntanza os nacionalistas propuxeron contratar un servizo xurídico externo que garanta debidamente a defensa dos intereses municipais, fronte a esta demanda xudicial do irmán do Alcalde.

Pola súa parte os socialistas propuxeron que a defensa recaera no avogado Roibás Vázquez, sacando adiante esta proposta co seus votos e a abstención do PP en todo o asunto. “A reclamación xudicial do irmán do Alcalde era algo esperado e anunciado, visto como se levou e preparou todo”, di o voceiro nacionalista; “só espero que este asunto non estea amañado, e que os intereses municipais queden sen defender”, engade Manuel Antelo.

Os nacionalistas consideran que o avogado proposto polo grupo de goberno non ofrece garantías a favor dos intereses municipais, xa que é tamén avogado da empresa do irmán do Alcalde noutros asuntos.

Neste senso queren lembrar a recusación feita polo BNG e aceptada polo goberno municipal, en xullo de 2006, ao respecto deste avogado que aparecía asinando informes municipais en asuntos da Casa da Cultura. O goberno municipal aceptou a recusación recoñecendo os argumentos dos nacionalistas e resolveu que non actuara con efectos pro-futuro nestes asuntos.

Os nacionalistas non entenden como se pode propoñer de avogado defensor dos intereses municipais unha persoa que foi apartada dos asuntos da Casa da Cultura porque se demostrou que tiña intereses na outra parte, a empresa constructora, propiedade do irmán do Alcalde. “Parece que o PSOE quere meter as galiñas na boca do raposo”, di o voceiro nacionalista; “con esta proposta o goberno municipal ten máis intención en defender o irmán do Alcalde que os intereses municipais”, di Manuel Antelo.

Os nacionalistas critican o papel do PP, que nin tan sequera é favorable a que o concello adopte os acordos pertinentes para defenderse diante do recurso xudicial do irmán do Alcalde. Tal é o sentido de absterse neste asunto. Unha posición que non estraña, xa que forma parte da estratexia seguida por este grupo nesta lexislatura, máis favorable á empresa que aos intereses públicos.

Neste senso hai que lembrar o apoio favorable e necesario para que o PSOE sacase adiante as decisións máis polémicas da Casa de Cultura. Sobresae o recoñecemento plenario de obra feita de máis, tal e como reclamou a empresa, co voto favorable do PSOE e do PP no Pleno do mes de maio, así como outras decisión nesta liña, de acordo co reclamado pola empresa. “O PP ten que explicarlle aos nosos veciños e veciñas porque non se deben defender os interese municipais diante do recurso xudicial do irmán do Alcalde”, di Manuel Antelo.

O BNG cre que o PSOE está primando os intereses do irmán do Alcalde fronte aos municipais, despilfarrando os recursos públicos nunha obra que supera xa os 500.000€ de sobreprezo, coa última adxudicación do contrato “de obras necesarias para o uso en condicións óptimas da Casa de Cultura”, cando aínda non pasou un mes da recepción da obra feita polo irmán do Alcalde. “Se o Alcalde se esconde, que sexa o PSOE quen dea a cara”, di o voceiro nacionalista; “por hixiene democrática, e como medida anti-corrupción, teñen que depurarse as responsabilidade políticas”, engade Manuel Antelo, “ou este é o modelo de xestión socialista?”, remata preguntándose.

Comentarios