A Costa da Morte garda silencio en memoria das vítimas de Niza
18:04 15/07/16
En Carballo e en Vimianzo houbo pequenas concentracións en repulsa polo acontecido en Niza
Membros do goberno local de Carballo e Vimianzo e parte do cadro do persoal municipal sumaronse esta mañá ao minuto de silencio convocado pola FEMP e pola FEGAMP como mostra de solidariedade coas vítimas e de condena polo atentado acontecido en Niza.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado por outros membros da corporación, persoal municipal e veciños e veciñas, presidiu a concentración na praza do Concello e foi o encargado de poñer en verbas a condena a esta "barbarie absoluta" aínda que que "é moi difícil expresar o que se sinte". En todo caso subliñou a "absoluta repulsa, rexeitamento, indignación e combate a estas barbaries". Ferrero tamén sinalou que "dentro da sensibilidade humana non caben este tipo de accións e comportamentos". Así mesmo, quixo mandarlle "un abrazo moi grande ao pobo francés e en concreto a todas as familias con familiares falecidos neste acto tan execrable e tan condenable".
O rexedor expresou que "poucas veces se xunta a festa co terror, mais alí había persoas intentado gozar do seu día e dunha sesión de fogos artificiais". Para o Alcalde "só dende o disparate se poden interpretar accións como a que padeceron en Niza". Ferrero rematou a súa intervención manifestando "a nosa absoluta solidariedade e a nosa total repulsa desexando que estes actos de barbarie non se produzan en ningún lugar do mundo, xa que sabemos que agora mesmo aínda hai espazos en Oriente nos que tamén está habendo vítimas mortais todos os días". Desexa "que pare dunha vez todo este terror e que se lle dea a oportunidade ás persoas de seguir sendo persoas".
Pola súa banda, Manuel Antelo - alcalde de Vimianzo - e Marta Rey - concelleira de Cultura - tamén gardaron xunto ao persoal municipal un minuto de silencio en recordo das 84 víctimas do atentado acontecido onte á noite en Niza.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello Vimianzo
- Concello Carballo