"A Fiscalía demandaríanos por prevaricación se aprobamos a ampliación do núcleo para favorecer a un particular"
Este pasado xoves, o alcalde de Vimianzo tiña unha xuntanza ca APLU para analizar o expediente que propón o derrubamento dunha casa na parroquia de Bamiro. O alcalde Manuel Antelo explícanos que “o argumento principal do afectado, da ampliación do núcleo, é unha proposta insatisfactoria. Deixáronnos claro que non se pode ampliar o núcleo, porque habería que reabordar a deficinión dos núcleos do concellos, semellante ao procedemento do PXOM, que leva moitos anos, e moitos recursos. Un PXOM para o que, por certo, xa se teñen realizado as primeiras xuntanzas coa Xunta.
”En todo caso”, sinala Antelo, “nós traballaremos noutro tipo de iniciativas de interese público para a parroquia de Bamiro, e se dentro desas iniciativas ten acollida algunha solución para a casa, estupendo. Unha desas solución pasaría pola posible redelimitación do núcleo de Bamiro, sen que supoña en ningún momento o aumento do núcleo”.
Despois de recibir a notificación de que a APLU non vai paralizar un expediente aberto en 2007, e sobre o que non se realizou ningún recurso. “A última sentenza, xa é firme porque non se recorriu, porque o promotor presentou un informe que indicaba que a casa estaba unicamente en solo rústico”. Así “o procedemento habitual que nos dixo a APLU é de imposición de multas ata que o afectado proceda ao derrubamento, ou ata que a propia APLU o faga, é dicir que aínda moito tempo por diante”.
Antelo sinala que falaron de “buscar unha solución a través da modificación das normas, pero nos dixo que ía abocada ao fracaso, porque a Xunta non a aprobaría e a Fiscalía nos demandaría porque non se pode utilizar o interese xeral para beneficiar a un particular”.
En todo caso, apunta que “xa temos unha reunión coa Deputación, e esperamos contar co apoio da oposición, e de feito os seus portavoces así nolo fixeron chegar. Pero con todo non está garantido que conte cos apoio dos informes técnicos, nin que conte coa aprobación da Xunta, pois a Xunta non soe favorecer aos infractores”.
Antelo aproveita para botar unha ollada atrás, á concentración de veciños da semana pasada na praza do Concello á que el tamén acodiu. Asegura que non superaba o centenar de persoas e que foi atacado a pesar de acodir á concentración para intentar atopar unha solución. E pregúntase “por que non houbo nin unha soa crítica ao PP e á Xunta, que é a que vai a realizar o derrubamento. Ou ao PSOE, que é unha vergoña velo diante de todo, abalando un ataque inxusto contra min, e tapando o papel da Xunta e o dos verdadeiros culpables desta desfeita, que foron os que outorgaron mal a licenza”. Ademais, valora que “non é un problema de índole social, pois falamos dunha segunda residencia”.
Novas relacionadas
- 23-03-17: Os veciños de Bamiro piden a ampliación do núcleo para evitar o derrubo dunha casa.
- 21-03-17: Veciños de Bamiro manifestaranse o mércores diante do Concello para intentar evitar a demolición dunha casa.
- 15-03-17: A orde de demolición sobre unha casa de Bamiro une á Xunta de Portavoces.
Máis novas
- Febreiro 2017: A APLU realizou 9 derrubamentos dende comezos de 2016.
- Decembro 2015: A APLU realizou 33 derrubamentos na Costa da Morte en 4 anos.
- Feísmos: Conclusións a ritmo de pasodobre.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).