A programación cultural volta ao auditorio da Casa da Cultura
O concello de Vimianzo presenta a programación cultural do auditorio da Casa da Cultura para os vindeiros meses de febreiro a xuño. Unha programación que completa, ata o verán, o ambicioso programa de Entroido
Un mes de febreiro de espectáculos variados con maxia, teatro e danza; o mes de marzo estará dedicado ás contadas coa presenza de Candido Pazó, Quico Cadaval, Paula Carballeira e Pepo Suevos. No mes de abril a república da liberdade encherá o noso auditorio coas compañías de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Novo Teatro do Trasno e Ti e mais eu Teatro.
A partir do mes de maio, as escolas culturais do concello comezarán a cobrar protagonismo coas súas representacións para celebrar o noso mes das letras. Comezarán coa Compañia Talía Teatro con Bicos con Lingua e os regueifeiros Pinto d´Herbón e Luis O Caruncho que animarán a participar o público que se achegue ao auditorio nas súas regueifas. Os nenos e nenas da escola de teatro infantil de Vimianzo e Carantoña serán os primeiros en amosarnos as súas habilidades interpretativas o día 17 de maio. Os seguintes serán a Escola de música cos alumnos e alumnas de pandeireta, gaita e percusión. O teatro de adultos inaugurarán a Escola Teté Teatro de Salto e finalmente a Escola de danza pechará o mes de maio cunha demostración de baile de salón e baile tradicional galego.
No mes de xuño as nosas escolas seguirán sendo as protagonistas comezando coa escola de música con interpretación de piano e violín e as escolas de teatro de Pasarela, Vimianzo e Berdoias.
Novas relacionadas
- Vimianzo tamén quere un entroido de primeira.
- Chipre descubre a Costa da Morte a través do Anorthosis.
- Os Reis tamén deixaron a súa pegada en Vimianzo.
- Xurxo Martiño demostra o potencial artístico vimiancés na casa.
- Vimianzo xa decidiu os dous escaparates máis navideños e creativos.
Fonte
- Concello de Vimianzo.