![parque-empresas-vim-6]()
O novo goberno de Vimianzo ten a intención de atopar unha
saída para o polígono industrial, en situación de
stand by dende a súa construcción. Para iso, o executivo que dirixe Manuel Antelo pretende aplicar unha
rebaixa do 90% nos impostos municipais. A clara intención da medida é a de chamar ás empresas para que se instalen na capital soneirana.
Segundo dixo Manuel Antelo en Radio Nordés, “eu agardo que antes de que remate o ano estean xa instaladas as primeiras empresas no polígono industrial”. O goberno municipal levará a pleno a rebaixa dos impostos. O rexedor asegurou que “é unha medida na que se leva traballando moito tempo”. No caso de que estas propostas foran aprobadas, o alcalde pretende a creación dunha plataforma de mediación e produción entre Xunta, SEA e o sector privado.
Antelo propón tamén un protocolo municipal que reduza o prazo de resolución sobre os expedientes de licenza. O Concello comprometerase a que o tempo de espera para a consecución da licenza naqueles proxectos con pouca complexidade “sexa de 14 días hábiles”.
O PP critica o primeiro mes de xestión
Por outra banda, o PP vimiancés pronunciouse onte acerca do primeiro mes de xestión de Manuel Antelo como máximo mandatario municipal. Os populares consideran que a xestión de Antelo é “
un insulto aos cidadáns”.
Os conservadores critican que “haxa que pedir cita previa para falar co rexedor nun concello de 8.000 habitantes”. Tamén afirman que “cobra máis da administración pública que o presidente da Xunta, xuntando os soldos de alcalde e o da TVG”.
Por outra banda, e dentro deste balance que fixeron os de Carmen Borbujo, falaron sobre a contratación da secretaria do alcalde, “de xeito irregular e cobrando máis de 2.000 euros ao mes para dar as citas. Non debe existir persoal suficiente no Concello para realizar ese traballo”.
Novas relacionadas
Fonte
- Radio Nordés - Cadena Ser.
- Nota de prensa do Partido Popular de Vimianzo.