Sábado. 20.04.2024
El tiempo

As escolas culturais ocupan o inverno vimiancés

As escolas culturais ocupan o inverno vimiancés

Terán este inverno os centros de ensino do Concello de Vimianzo varias citas co patrimonio cultural.
Ás xa tradicionais Escola de panillo e Escola de teatro que se viñan organizando desde o concello en anos anteriores, engádense tres novas escolas culturais e dous obradoiros, todos eles de sete meses de duración, desde novembro de 2011 ata maio de 2012.

A Escola de música, que só contaba con pandeireta, amplía o abano musical, tanto en música tradicional, con gaita e percusión (para nenos e adultos), coma na música clásica, con música activa para os máis pequenos (5 a 7 anos) e linguaxe musical, piano e violín para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Hai ademais un espazo para a música coral coa actividade Coro infantil-xuvenil (entre os 6 e os 16 anos), que contará cunha proba de acceso para poder participar.

A Escola de danza, que continúa con bailes de salón para os adultos coma en anos anteriores, tamén aumenta a oferta con baile tradicional galego para nenos e adultos.

Outra das novidades desta programación é a Escola de gravado para adultos do concello de Vimianzo.

Ademais a programación cultural oferta dous Obradoiros de arte: un de debuxo, para adultos e nenos e nenas a partir de 10 anos, e outro de pintura, para adultos e nenos e nenas a partir de 5 anos.

As Vimitardes

Outra das novidades que presenta esta programación son as Vimitardes para nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos con actividades de entretemento como manualidades, xogos de mesa, cine, etc. Estas Vimitardes organizaranse tanto na Casa da Cultura de Vimianzo coma nas parroquias do concello que o demanden.

Un magosto tardía no Castelo

E de paso, achegamos esta foto dos cativos vimianceses disfrutando do magosto da Asociación O Castelo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios