sábado. 09.08.2025
El tiempo

Avanza a renovación do céspede do Municipal de Vimianzo

Campo de Vimianzo
Avanza a renovación do céspede do Municipal de Vimianzo

O Concello de Vimianzo iniciou, esta semana, as obras de renovación do campo de fútbol municipal, unha actuación coa que se busca mellorar de forma integral a infraestrutura e adaptala ás necesidades actuais dos equipos da localidade.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañados por membros das directivas dos dous clubs, o Soneira S.D. e o C.D. Baíñas, achegáronse ata as instalacións para coñecer de primeira man o avance dos traballos e supervisar o inicio das actuacións.

VIMIANZO - VISITA CAMPO DE FÚTBOL

A rexedora destacou que “esta actuación era moi solicitada pola veciñanza e polos clubs, xa que o campo levaba desde o 2007 sen ningún cambio, e agora por fin está en marcha esta renovación tan importante. Estou segura de que suporá un antes e un despois para o deporte local, dotando a instalación das mellores condicións para a práctica deportiva”. Sinalou que é “unha reforma multidisciplinar” e engadiu que “unha vez rematadas, as vimiancesas e os vimianceses poderán desfrutar dun campo de fútbol á súa altura nunha instalación que por fin estará ao nivel do noso deporte”.
Rodríguez agradeceu “o compromiso da Deputación da Coruña co deporte, grazas ao seu apoio poderemos facer realidade esta actuación tan importante para a nosa veciñanza”.

Pola súa parte, o presidente provincial subliñou o compromiso da Deputación co deporte en todas as súas categorías: “apoiar proxectos coma este é fundamental para que os clubs teñan un lugar no que fomentar o deporte, especialmente entre as novas xeracións, nas mellores condicións. É un investimento que vai facer que a práctica do fútbol teña unha infraestrutura digna para ser desenvolvida”.

O proxecto

A actuación conta cun orzamento de 480.132,43 euros, dos que a entidade provincial financia o 70 %, que se destinarán tanto a obras de mellora como de reparación. O obxectivo principal é renovar a instalación, acondicionándoa para ofrecer un maior benestar aos equipos deportivos.
Dado o desgaste que sofre o terreo de xogo actual, renovarase o céspede artificial. Esta semana estivéronse realizando os traballos de levantamento do antigo, xa que o novo céspede estará composto por unha subbase elástica prefabricada en rolos á que seguirá un céspede artificial de última xeración. Ademais, actualizarase a rede de drenaxe do campo de fútbol coa instalación dunha canaleta de formigón para a recollida de augas a ambas marxes do terreo de xogo. Vaise mellorar, do mesmo xeito, o sistema de rego, coa renovación dos canóns de impacto e as respectivas electroválvulas.

Seguindo co terreo de xogo, a intervención completarase coa reposición da varanda que rodea o terreo de xogo, a instalación de rede recolle balóns nos dous fondos do campo e a subministración dun novo xogo de porterías para fútbol 7.

O proxecto inclúe tamén a reforma e acondicionamento da cantina. Ampliarase a súa capacidade cunha cuberta a unha auga con acabado en tella, igual que o existente actualmente, e a instalarase un cerramento totalmente acristalado. Tamén se reformarán os aseos do público. 

Comentarios