Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Camariñas, A Laracha e Vimianzo únense ao PACES

Imaxe do Pleno ordinario na Laracha
Camariñas, A Laracha e Vimianzo únense ao PACES

O Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) segue implantándose pola comarca. Os plenos dos Concellos de Camariñas, A Laracha e Vimianzo veñen de de aprobalo, por unanimidade (agás en Camariñas, onde o PP se abstiña).

O Plan, subvencionado pola Xunta, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), supón compromiso para reducir as emisións de CO2 no seu termo municipal nun 40% (Camariñas apuntou que xa leva unha redución do 40% dende 2010 ata 2019). Os primeiros pasos consistirán na elaboración dun Inventario de emisións de referencia de dióxido de carbono que cuantifique as emisións deste gas debidas ao consumo de enerxía no territorio, para posteriormente realizar unha avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas.

Outros asuntos en Vimianzo

O pleno vimiancés aprobou tamén por unanimidade a aprobación do regulamento de réxime interior da escola infantil municipal “Os Vimianziños”, situación que non foi solucionada polo goberno anterior.
Aprobouse tamén por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE referente ao manifesto do 25 de novembro “concellos galegos polo bo trato” da FEGAMP.

Outros asuntos no pleno de Camariñas

Ademais, aprobáronse cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP os días festivos para o ano 2021, que serán o 23 de abril, día de San Xurxo e o 16 de xullo, día da Virxe do Carme.

No pleno tamén se aprobou (coa abstención de BNG e os votos en contra), coa intención de axilizar a xestión municipal, a delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local en materia de contratación, sempre que os procesos non superen o 10% do orzamento municipal.

Tamén se aprobou cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e BNG un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 87.545,10 euros. O 100% das facturas incluídas son de conceptos do ano pasado e os provedores facturaron este ano polo que só poden aprobarse a través dun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito.

Outros asuntos na Laracha

A sesión comezou coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero. O outro acordo alcanzado no Pleno –neste caso, coas abstencións dos grupos do PSOE e do BNG- foi a aprobación da Conta Xeral do exercicio económico. O alcalde explicou que esta cuestión se elevou ao Pleno “unha vez rematado o período de exposición pública, sen terse presentado ningunha alegación e contando con todos os informes favorables”.
As cifras deixan 3,2 millóns de remanente a peche do exercicio 2019, dos que boa parte foi incorporada aos orzamentos deste ano para o financiamento de investimentos en infraestruturas municipais e plans de axudas ao tecido comercial para paliar os efectos da crise do coronavirus.

Comentarios