Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Castelo de Vimianzo viviu un verán cheo de vida e visitantes

Visita guiada no Castelo de Vimianzo
Visita guiada no Castelo de Vimianzo
O Castelo de Vimianzo viviu un verán cheo de vida e visitantes

Fioxo balance o Concello de Vimianzo da chegada de visitantes durante este verán. Un balance máis que positivo, ratificando que a aposta por manter vivo o Castelo de Vimianzo é un acerto total. De feito, dende dentro valoran que o Castelo estivo cheo todo o verán, como o ratifican as máis de 18.000 persoas que ata alí se achegaron durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O Museo de Artesanía en Vivo segue a ser un referente total, e tanto visitantes como veciñ@s queren achegarse a ver en directo como traballa o maqueteiro, a cristaleira, as palilleiras, os oleiros, as fiandeiras do liño, o canteiro…

Obradoiro Lista no Castelo de VimianzoPalilleiras alma do Castelo

Apuntan ademais que este ano, trala pandemia, cambiou ademais o perfil de familia visitante. O clásico antes era un grupo de 4, nai e pai cos dous fillos cabreados; agora a meirande parte das visitas son xa grupos coa familia ao completo, avoas, tías… chegando a ser habitualmente grupos de 15 que enchían as interesantísimas visitas guiadas pola muxiá Miriam.

Outro dos grandes atractivos foron as visitas teatralizadas dos domingos dos Quinquilláns, para as que sempre se cubriron as 40 prazas ofertadas.

Visitas teatralizadas dos Quinquilláns no Castelo de Vimianzo

Ademais, as visitas guiadas impulsadas desde o departamento de Turismo contaron con máis de 1000 visitantes durante o verán, con especial fincapé no Castro das Barreiras e no dolmen de Pedra Cuberta.
Os sábados foron días adicados tanto a obradoiros de artesanía como a sendeirismo, con tremendo éxito de convocatoria, completando sempre os grupos co máximo de visitantes permitido pola normativa na situación actual, e mesmo se estreou unha ruta nocturna.

O balance que se fai desde o Consistorio vimiancés é “moi satisfactorio, e reflicte que Vimianzo é un dos puntos de maior relevancia de toda a Costa da Morte”, sinalan, á vez que resaltan “a forte aposta pola cultura e tradición populares nun compendio de actividades que tivo o Castelo como punto primordial pero que abrangueu tamén puntos destacados como o Castro das Barreiras, os Batáns ou as novas rutas dos petróglifos”.

Comentarios