MESTRE MATEO
María Arochena: "A Costa da Morte é unha terra cun arraigo cultural moi grande, e iso nótase na súa xente"
Se hai uns días falabamos sobre a esencia costeira nos Mestre Mateo 2019 coa presentadora e actriz Marta Doviro, hoxe facémolo con María Arochena Romero (A Coruña, 1973), produtora de Vimianzo nomeada pola longametraxe 'Memorias dun home en pixama' e polo videoclip 'El astronauta que vio a Elvis'.
- Que vínculo tes coa Costa da Morte?
A miña nai é de Vimianzo. Os meus pais teñen alí unha casa á que van practimente todas as fins de semana, e eu sempre que podo. Teño alí toda a familia materna, ademais de moi bos amigos.
- Que recordos gardas da túa infancia na comarca?
Iamos todas as fins de semana e no verán. Pasabamolo moi ben nas festas, non só nas de Vimianzo, en todas desde xuño ata terminar en setembro na Barca en Muxía. A praia que máis me gusta é a do Lago, pero recorrinas todas: Arou, Os Muíños, Reira...
- No 2012, cando recibiches dous premios Goya polo filme “Arrugas”, o primeiro que fixeches foi traer as estatuas a Vimianzo para ensinarllas á túa familia. Volves á Costa da Morte sempre que podes?
Todas as fins de semana e festivos que podo imos comer e a pasar a tarde. Recordo que ao chegar dos Goya, fomos e, por suposto, levamos os premios para compartir ese momento tan bonito coa familia.
- Nomeada aos Mestre Mateo 2019. Que vibracións tes de cara á gala desta noite?
Para nós é un orgullo estar nomeados como mellor longametraxe, xa que ao non haber máis películas de animación, pasabamos a competir directamente coas de imaxe real e levámonos unha grata sorpresa. É un paso máis para a animación, xa que hai que ter claro que a animacion non é un xénero. De todos os xeitos, hai que esperar ao que ocorra hoxe xa que os nosos competidores son moi bos e con traballos moi ben realizados.
- Supoño que esta non é a primeira vez que participas...
Non, xa gañamos varios Mestre Mateo con "Gritos en el Pasillo" e con "Arrugas". Eu empecei a asistir aos premios cando aínda se chamaban premios AGAPI, naquel momento traballaba en "El Bosque Animado" como Coordinadora de Produción, que tamén levou un Mestre Mateo. Teño moi bos recordos desta festa.
Habería que profundar máis na formación
- Como ves ou panorama audiovisual galego?
Dende o punto de vista da animación, Galicia chegou a ser hai uns anos unha refencia a todos os niveis: técnicos, creativos... Moitos dos nosos talentos galegos tiveron que ir traballar a outras rexións ou países xa que, coa crise, desapareceron moitas das empresas e estudos que había. Agora volve haber producións potentes e non hai dúbida de que talento está aí. Todos os anos hai galegos nos mercados e premios máis importantes tanto a nivel nacional como internacional. Habería que profundar na formación.
- Sodes varios nomeados con orixes na Costa da Morte que optades a levarvos hoxe este galardón. Estades ti, tamén Federico Pérez, Marta Doviro, Isabel Branco e Xabier Eirís. Hai talento na comarca?
Por suposto que hai moitísimo talento, esta é unha terra cun arraigo cultural moi grande e iso nótase na súa xente.