Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Descobren un novo dolmen en Vimianzo sen inventariar

Descobren un novo dolmen en Vimianzo sen inventariar
Anta das Caxadas descuberta en Vimianzo Descobren unha nova ante en Caxadas, Vimianzo

Seguro que haberá que abrir un apartado especial para este asunto no Simposio do Megalitismo da Costa da Morte que se celebrará a primeira fin de semana de setembro en Vimianzo. I é que o achádego dun novo dolmen sen inventariar non se consegue todos os días.

O Concello soneirán, un dos territorios con máis túmulos megalíticos de Galicia, vén de anunciar o descubrimento dun novo dolmen nunha finca próxima ao vello camiño entre Caxadas e Sanfíns, na parroquia vimiancesa de Cambeda. Alí apareceu unha nova mámoa coa súa anta no interior. Aínda que o túmulo é de grandes dimensións e está situado perto dun vieiro, pasou desapercibido durante todos estes anos. A mámoa foi profanada, como acontece habitualmente, deixando á vista media ducia de esteos verticais un pouco desprazados. Malia que non se realizou un estudo arqueolóxico do lugar, pola súa tipoloxía poderíase datar entre o 4.000 ao 3.000 a.C. O achado xa foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio.

Lugar da Mamoa de Caxadas-Vimianzo Localizacion_dolmen Caxadas

Máis dun cento de mámoas

Non se trata dun dolmen illado, xa que a medio quilómetro ao leste en Caxadas localízase unha concentración de catro mámoas, unha delas coa anta visible (a "Arca"). A isto hai que engadirlle que no termo municipal hai inventariados máis dun cento de túmulos megalíticos, situando este territorio como un dos concellos con maior densidade deste tipo de monumentos de toda Galicia, algúns deles tan importantes como Pedra Cuberta, Pedra da Arca ou a Casota de Freáns. Precisamente, existe unha Ruta dos Dolmens que une os nove monumentos megalíticos máis senlleiros, os cales está previsto que fagan parte do prometido Parque Arqueolóxico do Megalitismo proxectado pola Xunta de Galicia. A Ruta deseñada polo concello foi actualizada recentemente, ampliando o seu trazado e instalando unha nova sinalización que corrixiu as deficiencias que mostraba a anterior, conseguindo que agora sexa difícil perderse ao realizar o percorrido. Alén diso tamén se creou un novo mapa que se pode conseguir en formato físico ou dixital na web do concello.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.
 

Comentarios