Dores Tembrás no IES Terra de Soneira
- A poeta falou dunha grande, Rosalía de Castro
O pasado 10 de outubro, a poeta Dores Tembrás achegouse ao IES Terra de Soneira para realizar un obradoiro co alumnado do centro vimiancés. Non foi falar da súa carreira, senón da de Rosalía de Castro.
Rosalía foi unha poeta galega da época do Rexurdimento moi adiantada ao seu tempo. Foi unha das ideas que remarcou Dores Tembrás.
Esta contounos que de pequena, aínda antes de aprender a ler, coñeceu a Rosalía de Castro a través do seu pai, pois con el xogaba a rematar versos dos seus poemas.
Dores leu repetidamente varios poemas para darnos a entender aos alumnos e ás alumnas os versos e para mostrarnos o feminismo, as “Penélopes”, o trato recibido polas mulleres naquela época… temas que aparecen nos poemas rosalianos.
Un dos poemas que mostrou Dores foi “A xustiza pola man”. Este poema relata como unha rapaza é violada por uns homes. Ela decide pedirlles axuda aos xuíces pero estes din que son tolemias dela. Posteriormente, pídelle axuda a Deus pero tampouco a recibe. A moza decide entón saír durante a noite e, cun fouciño, matalos.
Dores Tembrás mostrounos que Rosalía foi unha muller feminista e ensinóunolo con outro dos seus poemas. Velaquí o poema:
“Daquelas que cantan as pombas i as flores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n´as canto, Virxe da Paloma,
¡ai! ¿de que as terei?”
Ademais, comentounos aspectos da vida da poeta e como a descriminaron ao longo dela.
En definitiva, como dixo Dores Tembrás, Rosalía foi unha das nosas primeiras feministas e con alma de poetisa.
- Nota de prensa realizada por Enma Pérez Gesto e Arantxa Varela Gándara, alumnas do IES Terra de Soneira, baixo a supervisión da mestra Lorena Pazos.