sábado. 15.11.2025
El tiempo

Vimianzo concilia e forma este nadal

Concilia nadal
Vimianzo concilia e forma este nadal

Dúas novidades xa formula o Concello de Vimianzo de cara a este nadal, en clave de conciliación e de formación.

Concilia

O Concello de Vimianzo lanza o seu programa ‘Concilia no Nadal’ para a rapazada de entre 3 e 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 e 7 de xaneiro no pavillón para favorecer a conciliación laboral e familiar.

O horario será de 10:00 a 14:00 horas, aínda que tamén se ofrecerá un servizo de madrugadores de 8:00 a 10:00 horas para aquelas familias que o precisen.

O conxunto de días terá un prezo de 30 euros, aos que haberá que sumar 10 máis no caso de empregar o servizo de madrugadores. As persoas interesadas poderán inscribirse dende este luns, 17 de novembro, ata o vindeiro 15 de decembro na Casa da Cultura.

Obradoiro de cinema

Así mesmo organiza un obradoiro de cinema práctico no que as persoas participantes terán a oportunidade de formar parte dun equipo de rodaxe e recrear unha escena da súa película favorita. A actividade desenvolverase os días 22 e 23 de decembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos. Durante a sesión traballarán con diferentes técnicas que lle permitirán achegarse ao mundo audiovisual dunha maneira práctica e divertida.
O obradoiro será impartido por A Furna Coop e ten un prezo de 30 euros. As preinscricións poden realizarse na Casa da Cultura ata o 15 de decembro.

Comentarios