luns. 17.03.2025
El tiempo

Exposicións, teatro e cine de mulleres para o 8M de Vimianzo

8M EN VMIANZO XERAL copia
Exposicións, teatro e cine de mulleres para o 8M de Vimianzo

No marco do Día Internacional da Muller, o Concello de Vimianzo organiza varias actividades.

Dúas exposicións

Primeiramente trae unha iniciativa educativa e de sensibilización baixo o lema ‘Empoderar é liberar’, coa que se busca achegar ao alumnado do IES Terra de Soneira, o CEIP San Vicenzo e o alumnado Actívate Senior do curso de memoria a vida e o legado de mulleres que foron referentes na historia e que deixaron a súa pegada na loita pola igualdade.

Para isto, instaláronse en varias dependencias da Casa da Cultura un total de 25 vinilos con imaxes e frases icónicas de figuras como Frida Kahlo, Coco Chanel, Rosalía de Castro e moitas outras mulleres que marcaron un antes e un despois en diferentes eidos. A través desta exposición o alumnado non só terá a oportunidade de coñecer a estas mulleres, senón tamén de reflexionar sobre a súa mensaxe.

Ademais desta exposición, a Casa da Cultura acollerá tamén a mostra ‘Relembrando a Trini’ e a presentación do libro ‘É mellor loitar que morrer de fame’, de Sergio Marey. A inauguración terá lugar o venres, 7 de marzo, ás 19:00 horas. Esta actividade está impulsada pola área de igualdade da Deputación da Coruña.

Cine

Ademais, o Auditorio acollerá, o Ciclo Mulleres de Cine coa proxección de ‘Secaderos’, dirixida por Rocío Mesa. A cita será este venres, 7 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Teatro

BOA SORTE, MALA FAMA

Para rematar, o propio sábado 8 de marzo será a quenda de Tarabela Creativa coa súa obra ‘Boa sorte, mala fama’. 

Esta proposta, concibida como teatro documental, parte do estudo e recuperación de testemuños reais de mulleres na emigración. Un dos puntos de partida desta investigación foi a escultura dedicada á emigración situada diante da Casa da Cultura, que levou á compañía a afondar na importancia do movemento migratorio na zona. Durante o proceso de documentación descubriron que en outubro de 2017 Vimianzo fora a sede dun Congreso Internacional sobre Emigración en colaboración coa Universidade da Coruña. No marco deste evento, veciños e veciñas que viviran en primeira persoa a emigración compartiron as súas experiencias e, entre elas, estaban Paquita Antelo e Caridad Alvelo.
Carmen Conde, integrante de Tarabela Creativa, reuniuse con elas no Albergue de Berdoias. Daquel encontro xurdiu unha conversa reveladora na que “ambas compartiron con nós a súa historia de vida, a súa historia de emigración, tan chea de valentía. Falar de emigración é falar dun dos temas máis transversais que existen, porque toca todos os aspectos da vida. Naquel albergue había dúas mulleres que, falando con absoluto sentido do humor, contaron as dores que supón ser muller migrante, ser nai migrante… marchar porque a vida che obriga a facelo”, explicou Conde, “esta conversa é parte do resultado, xa que un fragmento da historia forma parte da montaxe teatral. A historia de Caridad, xunto outras que merecen ser contadas, pero que non entraron na dramaturxia final, irá parar nun libro que completará este proxecto”, sentencia.

As entradas poden adquirirse a través da plataforma online Woutick.es ou de maneira presencial na Casa da Cultura

Comentarios