Importantes achados na nova campaña arqueolóxica do Castro das Barreiras
- Os traballos arqueolóxicos xa destacan polo descubrimento dun betilo e agárdase que esta tempada achegue novas pezas clave para comprender mellor a riqueza do xacemento, complementándose ademais con visitas guiadas do alumnado dos centros educativos do municipio.
O Concello de Vimianzo vén de iniciar unha nova campaña de escavación arqueolóxicano Castro das Barreiras, continuando co proceso de ampliación progresiva da escavación, co obxectivo de avanzar no coñecemento do xacemento e achegarse ao descubrimento de practicamente a metade da súa extensión total. Os traballos, dirixidos polo arqueólogo Tito Concheiro, comezaron o 4 de maio e supoñen a continuidade do plan de escavación de desenvolvemento orgánico na zona visible do castro.
A campaña actual estrutúrase en dous sectores de escavación, un situado na zona norte e outro na zona sur da área intervida.
No sector norte, os traballos céntranse na escavación dunha gran cabana de planta ovalada, da que ata o momento só se exhumou unha parte do seu muro, de notable anchura. Trátase dunha estrutura especialmente rechamante e de carácter monumental, que podería achegar nova información sobre a organización interna do poboado.
Noutra das áreas de intervención, retómase o estudo da muralla do castro das Barreiras, elemento singular e definitorio deste xacemento. A estrutura está formada por un pano de cachotaría construído en bancais, terrazas ou escalóns, o que evidencia unha técnica construtiva complexa e altamente planificada.
Asociado a este sistema defensivo, estase a escavar tamén un vertedoiro cerámico, composto pola acumulación de numerosos restos de alfarería, fundamentalmente cacharros fragmentados que eran desbotados nun espazo situado entre a muralla e as vivendas. Este contexto arqueolóxico está a ofrecer información relevante sobre a vida cotiá e a xestión dos residuos no asentamento.
No que vai de campaña, o equipo arqueolóxico destaca que xa se recuperou moito material arqueolóxico, cun balance inicial moi positivo. Entre os achados máis significativos atópase un betilo, un elemento de carácter simbólico ou relixioso, que foi recibido con especial satisfacción polo equipo pola súa relevancia para o coñecemento do xacemento.
Visitas escolares
E para darlle sentido a todo o traballo, a campaña complétase ademais cun programa de visitas guiadas dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio, co obxectivo de achegar o patrimonio arqueolóxico á comunidade local e fomentar o coñecemento e posta en valor do castro das Barreiras entre a mocidade.