Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A nova excavación do Castro das Barreiras desvela un achado espectacular: unha antiga fouce

Castro das Barreiras-Fouce 2
A nova excavación do Castro das Barreiras desvela un achado espectacular: unha antiga fouce

Non hai excavación que non descubra unha historia tremenda. E nesta nova campaña proposta polo Concello de Vimianzo no Castro das Barreiras xa temos un primeiro tesouro. Trátase dunha antiga fouce, unha peza de 2.200 anos de antigüidade, que a confirmación das primeiras suposicións; que As Barreiras era un centro de actividade eminentemente agrario.

Castro das Barreiras-Fouce 1

Ao ser concebido no fondo dun val, “fundouse e viviuse como un gran centro de explotación agrícola. Almacenaban e distribuían as colleitas”, subliña o responsable das escavacións, Tito Concheiro. “É tremendamente emocionante atopar un obxecto que fala. Os seus habitantes almacenaban e distribuían as colleitas, anticipándose así ao mundo da Antiga Roma. Foron uns precursores”, prosegue o arqueólogo. Concheiro recalca “o valor desta peza, claramente museística e que proporciona un valor incalculable xa a nivel supragalego”. Conclúe aportando que “non hai unha peza semellante en todo a contorna da Costa da Morte”.

Foi atopada na cabana número 5, das sete que existen no xacemento. No exterior e ao nivel de ocupación, polo que todo indica que estaba depositada tal e como alí se deixou. Un elemento da actividade cotiá e que contextualiza en maior medida a vida deste xacemento, claramente na Idade de Ferro. Non apareceu o mango, polo tempo transcorrido e a caducidade da madeira que o recubría.

Cómpre lembrar que xa aparecera un sacho, e algún resto da punta doutras fouces, xamais destas características. Este achado coincidiu coa visita dos escolares do CEIP Labarta Pose, de Baio.

Máis novas

Comentarios