mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Informe de Conxuntura Económica recomenda en Vimianzo potenciar o comercio local e apoiar aos emprendedores

 

 

Informe Economia Vimianzo 2
Informe Economia Vimianzo 2
O Informe de Conxuntura Económica recomenda en Vimianzo potenciar o comercio local e apoiar aos emprendedores

Xa o ano pasado aportaron datos interesantísimos sobre as tendencias socioeconómicas e demográficas da comarca de Soneira. Este pasado luns, o Club Financeiro de Santiago presentaba en Vimianzo o informe do Índice de Coxuntura Económica, ICE, un documento no que se realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia da Coruña, tanto a nivel comarcal como municipal. Ofrecéronse datos da realidade socio económica da comarca de Terra de Soneira, que serven de interesante ferramenta para a toma de decisións políticas.

Estiveron presentes a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, así como parte do equipo redactor do documento: Maite Cancelo, profesora de Economía cuantitativa; María Bastida, profesora de Organización de Empresas e Comercialización; e Miguel Ángel Vázquez Taín, profesor de Facenda Pública e  Sistemas Fiscais. Completan o grupo de investigadores das universidades da Coruña e Santiago David Rodríguez e Emilia Vázquez, titulares de Economía Cuantitativa. 

Conclusións e recomendacións

Entre as as oportunidades detectadas está o crecemento do turismo sostible, a atracción de investimento en enerxías renovables, a innovación en industria e enerxía, o crecemento en enerxía verde e circular ou o fortalecemento do sector exterior. 
Pola contra, sinalaron como ameazas a dependencia económica, o desemprego xuvenil e despoboamento rural, a vulnerabilidade do sector primario, a falta de diversificación industrial ou as restricións orzamentarias municipais, entre outras. 

Por todo isto, recomentan fomentar a reactivación do comercio local e apoio aos emprendedores, un plan de vivenda e repoboación, a dinamización do solo industrial e apoio ás pemes locais e unha estratexia de dixitalización para emprendedores local.

POR SECTORES

Poboación

En relación coa poboación, Vimianzo perde desde 2012. A comarca de Terra de Soneira tamén rexistra unha baixada do -0,4 % en 2023, mentres a provincia consegue un leve crecemento de +0,4 %. Detéctase un envellecemento acelerado xa que a poboación maior de 64 anos na comarca é moi superior á media provincial (34 % fronte ao 25,6 %). Vimianzo si rexistra un leve crecemento de estranxeiros, pero segue lonxe da media provincial. 

Mercado de traballo

O paro en Vimianzo descende en valores próximos ao 8 %, algo máis que a media provincial. As mulleres en paro (62,4 %) sitúase claramente sobre a media da Coruña que é dun 54 %. A diminución do número de contratos é moi inferior á media provincial (3 %), o que indica unha maior estabilidade relativa. Tamén aumentan as afiliacións á Seguridade 

Social no réxime xeral mentres no réxime de autónomos cae. En Vimianzo hai estabilidade na contratación en industria e construción aínda que o sector servizos é maioritario mentres que o sector agrícola rexistrou unha redución de contratos, de 68 a 41 nun ano.  

Economía e empresa

O peso do comercio (36,78 %), construción (26,44 %) e servizos (25,74) demostran unha diversificación que pode aproveitarse para fortalecer a economía local. A industria, cun 11,03 %, representa unha área que pode crecer, especialmente se se fomenta a innovación en sectores estratéxicos.  
A comarca de Terra de Soneira achega o 1 % do PIB provincial, unha cifra similar a outras zonas rurais con características parecidas. O PIB per cápita é de 15.635 euros, con marxe de mellora se se traballa na diversificación produtiva e a atracción de investimento. 

Turismo

A provincia concentra o 36 % das prazas turísticas de Galicia, sendo un dos principais destinos da comunidade. Na comarca a oferta turística segue en expansión. En 2024, a comarca contaba con 2.304 prazas turísticas, o que representa o 2,4 % da oferta total da Coruña. Este dato mostra potencial de crecemento no sector, sobre todo en turismo rural e experiencias de natureza.
O aloxamento turístico segue aumentando, cun crecemento no número de vivendas de uso turístico nos tres municipios da comarca. En 2024, Camariñas sumou 152 novas prazas, Vimianzo 90 prazas e Zas 29 prazas. Ademais, en Camariñas incrementouse a capacidade hostaleira en 42 prazas e engadíronse 10 prazas en albergues, mentres que Zas ampliou a súa capacidade en campamentos de turismo con 60 novas prazas.
 

 

Comentarios