Labarta Pose tamén estudia no IES Terra de Soneira

Inauguración oficial da mostra no IES de Vimianzo cos membros directivos e @s rexedor@s de Vimianzo e Zas

Dende onte as alumnas e alumnos dos diferentes cursos do IES Terra de Soneira de Vimianzo poden visitar a exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Poseque quedou instalada esta mañá na Biblioteca do centro educativo.

Durante a inauguración da mostra, que tivo lugar esta mañá, a responsable da Biblioteca e mestra do centro, Chus Barbeira, fixo unha breve introducción sobre a exposición que estará no IES vimiancés ata o 29 de abril. Tamén aproveitou a ocasión para loar o traballo realizado pola Comisión Labarta Pose e polo Concello de Zas para que o escritor baiés teña o seu propio día das Letras Galegas. “Dende o IES Terra de Soneira queremos contribuír a divulgar a figura e a obra de Enrique Labarta Pose, por iso decimos traer esta mostra itinerante sobre a que traballaremos os vindeiros días”, dixo Chus Barbeira ante os alumnos e alumnas do centro que asistiron á inauguración.

O alcalde de Zas Lolo Muíño agradeceu o interese demostrado por Labarta e animou ao alumnado a descubrir a súa obra na que tamén están presentes distintos lugares de Vimianzo. De feito lembrou que o roteiro literario de Labarta Pose, que se presentou o pasado mes de marzo, discorre tamén polo municipio vimiancés.
Pola súa banda, a rexedora vimiancesa Mónica Rodríguez aproveitou a ocasión para “darlle os parabéns ao Concello de Zas por todo o traballo que está a realizar en canto á divulgación da obra de Labarta Pose e animou ao alumnado a empaparse de todos os detalles que nos deixa este compendio de obras que unha figura da relevancia de Labarta Pose ten para toda a comarca”.

Dende aquí, a mostra itinerante de Enrique Labarta Pose viaxará de novo á cidade da Coruña, onde xa pasou polo Fogar de Santa Margarita.

Artigo relacionado

Novas relacionadas