Martes. 09.08.2022
El tiempo

21 espazos da Costa da Morte forman o Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose

Roteiro Labarta Pose
21 espazos da Costa da Morte forman o Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose

Da man do Consello da Cultura Galega, o Concello de Zas vén de presentar o Roteiro Literario Enrique Labarta Pose na Costa da Morte. O Auditorio de Baio encheuse para a ocasión, e como recoñecía Rosario Álvarez Blanco, Presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega, “impresiona ver que haxa tanta xente aquí reunida un día coma hoxe pola nosacultura e por unha figura local como é Enrique Labarta Pose”.

Trátase dun itinerario deseñado polo Concello de Zas e que se pode consultar na páxina web do Consello da Cultura Galega, no apartado “Proxecto Roterios” xa que acaba de sumarse a este programa no que hai xa 30 roteiros e 16 guías de autores como Castelao, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Antonio Fraguas, Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, entre outros. Foi o coñexido divulgador Manuel Gago, director do portal cultural do Consello, o que presentou o sentir dun programa, que pretende difundir a obras de diferentes escritores galegos dun xeito pouco común e dar a coñecer diferentes puntos da nosa xeografía que en ocasións están fóra dos lugares máis concorridos polo turismo

21 paradas

O roteiro, centrado na Costa da Morte, ten 21 espazos de parada obrigada e que son todos escenarios biográficos e literarios relacionados con Enrique Labarta Pose. O itinerario arrinca no Centro Sociocultural de Baio, onde está exposto de forma permanente unha boa parte do  seu legado con obras inéditas. Continúa pola súa casa natal, a igrexa vella de Baio, o monte Castelo e dende aquí parte os municipios de Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. “Son 250 km que se recomendan percorrer en dous días para poder visitar detidamente cada un dos 21 espazos relacionados con Labarta”, explicou Tania Carreira, técnica municipal.

Día das Letras Galegas

No acto de presentación deste roteiro literario tamén estivo Jorge Mira, en calidade de Presidente da Comisión Labarta Pose creada en 1999 e que está formada pola maior parte das asociacións da vila. Mira encargouse de falar brevemente da obra de Labarta Pose e destacou que escribiu en tres xéneros literarios diferentes, fundou cinco revistas, introduciu o fonógrafo, entre outros moitos máis aspectos destacados da súa obra. “Cremos que Labarta Pose é unha moi digna figura para adicarselle o Día das Letras Galegas”, sinalou Jorge Mira. 
Precisamente esta foi unha das reivindicacións que se fixo durante o acto de presentación do roteiro literario de Enrique Labarta Pose. “Cónstame que na Real Academia Galega hai unha certa sensibilidade con Labarta Pose”, destacou Ricardo García Mira presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoán Vicente Viqueira” e membro da comisión. Mira foi o encargado de defender ante o Congreso dos Deputados a proposición non de lei presentada polo grupo socialista para a divulgación das figuras de Eduardo Pondal e Enrique Labarta Pose. Esta proposición aprobouse en outubro do 2017. A propia Álvarez Blanco comprometeuse “a levar o recado” para que Enrique Labarta Pose teña o seu propio día das Letras Galegas. 

Encargouse de pechar o acto Manuel Muíño, Alcalde de Zas, quen descatou e agradeceu o enrome traballo realizado por persoas como Xosé Manuel Varela Varela, Xosé María Lema, Evaristo Dóminguez, Xosé María Rei, entre outros, a prol da figura de Labarta Pose.

Exposicións

Unha vez rematado o acto fíxose unha breve visita á exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose que estes días está no Centro Sociocultural de Baio despois do seu percorrido por diferentes centros de ensino. Aquí tamén está exposta de forma continua unha boa parte do legado do escritor baiés que conservou durante anos José Valiña e que en agosto do 2021 as súas irmáns, Olga e Teresa, cederon ao Concello de Zas co fin de que estivera exposto nun lugar público. 
 

comentarios