Zas estrea a exposición permanente de Labarta Pose
Trátase de material cedido o pasado verán polas irmás Olga e Teresa Rojo, herdado polo seu irmán “Pepe Valiña”.
Durante o acto inaugural, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, resaltou o gran valor histórico desta documentación entre a que se atopan libros do século XIX, revistas, primeiras edicións, recortes de xornais,... O filólogo Chema Rei Lema foi o encargado da catalogación e durante a presentación da mostra que se pode ver de luns as venres en horario de tarde debullou algúns dos detalles máis destacados do material.
No acto de inauguración tamén interviu Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose quen asegurou que este era un chanzo máis para que na Real Academia Galega soase cada vez con máis forza o nome de Labarta e conseguir así o merecido Día das Letras Galegas para o escritor baiés.
Exposición itinerante
Paralelamente percorre o concello a exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose. Inaugurada o pasado mes de xullo no paseo fluvial de Baio está camiño do IES Maximino Romero de Lema de Baio despois do seu paso polo CEIP da vila. Pasados uns días, irá cara o CIP de Zas e para outros centros educativos da comunidade para que os máis novos coñecezan e traballen as diferentes obras do escritor baiés.