Labarta Pose tamén estudia no IES Terra de Soneira

Dende onte as alumnas e alumnos dos diferentes cursos do IES Terra de Soneira de Vimianzo poden visitar a exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Poseque quedou instalada esta mañá na Biblioteca do centro educativo.
Durante a inauguración da mostra, que tivo lugar esta mañá, a responsable da Biblioteca e mestra do centro, Chus Barbeira, fixo unha breve introducción sobre a exposición que estará no IES vimiancés ata o 29 de abril. Tamén aproveitou a ocasión para loar o traballo realizado pola Comisión Labarta Pose e polo Concello de Zas para que o escritor baiés teña o seu propio día das Letras Galegas. “Dende o IES Terra de Soneira queremos contribuír a divulgar a figura e a obra de Enrique Labarta Pose, por iso decimos traer esta mostra itinerante sobre a que traballaremos os vindeiros días”, dixo Chus Barbeira ante os alumnos e alumnas do centro que asistiron á inauguración.
O alcalde de Zas Lolo Muíño agradeceu o interese demostrado por Labarta e animou ao alumnado a descubrir a súa obra na que tamén están presentes distintos lugares de Vimianzo. De feito lembrou que o roteiro literario de Labarta Pose, que se presentou o pasado mes de marzo, discorre tamén polo municipio vimiancés.
Pola súa banda, a rexedora vimiancesa Mónica Rodríguez aproveitou a ocasión para “darlle os parabéns ao Concello de Zas por todo o traballo que está a realizar en canto á divulgación da obra de Labarta Pose e animou ao alumnado a empaparse de todos os detalles que nos deixa este compendio de obras que unha figura da relevancia de Labarta Pose ten para toda a comarca”.
Dende aquí, a mostra itinerante de Enrique Labarta Pose viaxará de novo á cidade da Coruña, onde xa pasou polo Fogar de Santa Margarita.
Artigo relacionado
Novas relacionadas
- Marzo 22: 21 espazos da Costa da Morte forman o Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose.
- Febreiro 22: Labarta Pose espállase polos coles da Coruña pedindo ser homenaxeado polo Día das Letras Galegas.
- Decembro 21: Labarta Pose tamén se reivindica para o Día das Letras Galegas no IES de Baio.
- Novembro 21: Zas estrea a exposición permanente de Labarta Pose
- Xullo 21: Baio reivindica a candidatura de Labarta Pose para o Día das Letras Galegas.
- Maio 17: A figura de Labarta Pose reactívase coa visita do seu bisneto.