O mellor do cinema galego regresa a Vimianzo da man do Ciclo Mestre Mateo

O Auditorio de Vimianzo será, por segundo ano consecutivo, unha das sedes do Ciclo Mestre Mateo de Cinema. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Academia Galega do Audiovisual que ten como obxectivo achegar á cidadanía unha programación de cinema de calidade. A proposta, que reúne as obras finalistas nos premios Mestre Mateo, permitirá ao público vimiancés gozar dunha ampla variedade de xéneros e formatos que reflicten a diversidade e o talento do audiovisual galego.
A programación dará comezo o mércores 27 de agosto cunha sesión dirixida á rapazada do programa Vimiverán, que gozará dunha alfombra vermella e da proxección de varias curtametraxes: ‘Avetimoloxía’, ‘Noites de prata’, ‘Sinopse’, ‘Eu vou comigo’ e ‘Platónico, platónica’.
O venres 12 de setembro proxectarase ‘As Neves’, un thriller xuvenil ambientado nunha vila que queda completamente illada por unha nevada, mergullando ao espectador na intriga creada pola desaparición dunha moza en plena noite de Entroido.
O día 19 as gargalladas serán as protagonistas con ‘+ Cuñados’, unha comedia na que a aparición de Andreia Nunes en busca de vinganza vai complicar as cousas para os cuñados, que se ven nun novo enredo que rematará coa presenza dun cadáver na ponte internacional de Tui.
A proxección do documental ‘Salvaxe, salvaxe’ fará reflexionar ao público sobre a pegada do lobo ibérico e a relación do humano co salvaxe, a través dunha proposta visual que se afasta do convencional. Será o día 26 de setembro
Outubro comezará cunha nova sesión de curtametraxes: ‘Nai’, ‘Véxote’ e ‘Pura’, o día 3, á que seguirá, o día 10, ‘Aurora’, unha cinta sobre a relación entre dúas mulleres de xeracións e vidas completamente distintas, unidas por conversas profundas arredor da morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
O día 17 será o momento de ‘Filmei paxaros voando’, unha historia persoal e emotiva sobre a memoria, identidade e reconciliación familiar, onde a protagonista Zeltia retorna a Galicia para filmar a vida do seu tío e afrontar o reencontro coa súa nai.
O 24 de outubro chega ‘Prefiro condenarme’, un documental sobre a figura de Sagrario, unha mariscadora ferrolá que, nos anos 70, foi xulgada por adúltera. A súa historia pon sobre a mesa temas como o desexo, a desigualdade e a desobediencia fronte ás normas impostas.
En novembro a primeira proxección será, o día 7, ‘Xustiza artificial’, unha ficción futurista onde un referendo para automatizar a xustiza en España destapa unha complexa conspiración. Unha proposta que combina ciencia ficción, política e suspense.
O ciclo pecharase o día 14 con ‘Honeymoon’, un drama conmovedor sobre a perda dun fillo e a ruptura definitiva dunha parella, que trata con dor a necesidade de repatriar o cadáver do seu fillo despois de que este morrera en Estados Unidos.
As proxeccións realizaranse ás 20:00 horas con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, agás a de agosto dirixida á rapazada, que terá lugar ás 11:00 horas. O despacho de billetes abrirá unha hora antes do inicio de cada sesión.