Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Novos sinais para a Vía Mariana

Novos carteis da Via Mariana na Igrexa de Bainas e na Berdoias
Novos carteis da Via Mariana na Igrexa de Bainas e na Berdoias
Novos sinais para a Vía Mariana

O Concello de Vimianzo, en colaboración coa Asociación Baíñas no Camiño e a Asociación parroquial de Berdoias, instalou dous carteis informativos e divulgativos das etapas da Vía Mariana que discorren polo
termo municipal.

O primeiro dos paneis está localizado ao carón da igrexa de Baíñas, e recolle o itinerario a seguir na 16 etapa deste camiño, a primeira das dúas que pasan por Vimianzo. Ademais, fai unha recompilación dos principais elementos patrimoniais que os e as camiñantes poden atopar no percorrido.

O segundo, localizado á beira da igrexa de Berdoias, fala das etapas 16 e 17, as dúas últimas dun camiño que parte do Santuario do Sameiro, na cidade portuguesa de Braga, e que chega ao templo da Nosa Señora da Barca, no concello de Muxía.

Ao igual que o anterior, tamén recolle as principais atraccións patrimoniais. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, remarca a importancia de poñer en valor “itinerarios que pasan polo noso municipio e que contan con centos de camiñantes cada ano; persoas que teñen a oportunidade de coñecer todo o que temos para ofrecerlle en Vimianzo”.

Rodríguez agradeceu a colaboración das dúas asociacións implicadas nesta actuación, salientando “o gran traballo que fan polas súas parroquias, axudando a que cada vez sexan máis coñecidas e promocionando os seus lugares de interese patrimonial e cultural”.

Comentarios